Recomendan vacinarse fronte a mpox malia a ter recibido xa a vacina da varíola na infancia

As autoridades sanitarias lembran aos grupos de risco a necesidade de vacinarse fronte á mpox. (Foto: Sven Hoppe / DPA vía Europa Press)
Un estudo conclúe que todas as persoas paras as que se recomenda a vacina contra a mpox deben inmunizarse independentemente de que xa recibisen unha picada contra a varíola humana durante a súa nenez.

Investigadoras do Centro Nacional de Epidemioloxía (CNE) do Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII) participaron nun estudo liderado pola Organización Mundial da Saúde (OMS) que suxire que existe unha protección cruzada residual entre a vacinación da varíola na infancia e a infección por mpox clado II, pero a heteroxeneidade entre países leva a recomendar vacinar contra a mpox a todas as persoas para as que está indicada, independentemente de se foron inmunizadas no pasado contra a varíola ou non.

O estudo, realizado xunto con investigadores de Dinamarca, Francia e Países Baixos e que se publicou na revista 'Eurosurveillance', comparou o estado de vacinación fronte á varíola na infancia nos casos de mpox detectados entre 2022 e 2023 e nados no Estado español nos anos nos que estaba recomendada esta vacinación, coa proporción da poboación que a recibía segundo os arquivos históricos.

Efectividade

O obxectivo era coñecer se a vacina da varíola nas persoas que a recibiron na infancia, antes de que se erradicase a enfermidade en 1980, confire na actualidade algún tipo de protección fronte á infección polo virus mpox clado II, responsábel do brote xurdido en Europa entre 2022 e 2023.

Os resultados do estudo mostran unha ampla variación nas estimacións da efectividade da vacina nos catro países analizados (entre 42% e 84%). A estimación conxunta da efectividade foi de 70%.

Con todo, existe unha grande incerteza e heteroxeneidade nas estimacións específicas de cada país, o que fai que esta evidencia sexa insuficiente para apoiar a vacinación diferencial contra o virus mpox en función da vacinación infantil previa ou da idade.

Por este motivo, o estudo conclúe que se debe ofrecer a vacinación fronte a mpox a aquelas persoas para as que estea indicada, de acordo coas recomendacións de cada Estado, independentemente dos antecedentes de vacinación contra a varíola até que se dispoña de máis probas.

Novo clado

Os resultados desta investigación poden permitir unha aplicabilidade directa nas recomendacións de vacinación fronte á infección en cada país, e abren a porta a novos estudos para analizar posíbeis recomendacións futuras de vacinación fronte ao clado I de mpox, xurdido recentemente en África e que xa ocasionou algúns casos en Europa.

O virus mpox pertence ao xénero Orthopoxvirus, familia Poxviridae, ao que tamén pertence o virus da varíola humana. A maioría dos programas de vacinación fronte ás vexigas en Europa comezaron a principios do século XX e estiveron en activo ata finais dos anos 70 e principios dos 80.

Estudos realizados en África nos anos 80 apoiarían a hipótese de que os programas de vacinación infantil contra a varíola proporcionaban certa protección fronte a mpox; con todo, non está claro o efecto residual da vacinación contra a varíola administrada hai varias décadas contra a infección e a enfermidade grave por mpox na actualidade.

Evolución da mpox

A infección por mpox irrompeu como enfermidade emerxente en Europa na primavera de 2022 e ata a data causou ao redor de 27.500 casos en 42 países europeos.

A OMS determinou, o 23 de xullo de 2022, que o brote de mpox constituía unha emerxencia de saúde pública de importancia internacional (ESPII) e esta declaración finalizou o 11 de maio de 2023. Naquela ocasión, a emerxencia debíase á expansión do clado II. Actualmente, debido á situación a da infección por mpox no continente africano, a OMS volveu a declarar a situación do mpox como emerxencia de saúde pública de importancia internacional o 14 de agosto de 2024, neste caso pola expansión do clado I.