Recoñecen a incapacidade laboral permanente a unha veciña de Caldas vítima de violencia machista

Audiencia Provincial de Pontevedra. (Foto: Google)
Tivo que saltar polo balcón para fuxir do seu ex marido, que a perseguía cun martelo. 

A Seguridade Social recoñeceu a unha veciña de Caldas de Reis (comarca de caldas) unha incapacidade permanente total para a súa profesión habitual após er vítima de violencia de xénero.

En concreto, segundo recolle a sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra, os feitos ocorreron en xaneiro de 2018, cando o seu exmarido accedeu á súa vivenda rompendo a xanela cun martelo. Cando ela se decatou, comezou a fuxir mentres era perseguida polo home, que esgrimía o martelo no alto.

Nese momento, a vítima viuse obrigada a saltar polo balcón que ela abrira, ao velo como única saída, todo en presenza das súas dúas fillas menores de idade.

Como consecuencia do suceso, a muller sufriu lesións no pé esquerdo, consistentes en varias fracturas de ósos con perda de tecido osteo-cartilaxinoso. Estas lesións precisaron, segundo recolle a sentenza, dun tratamento médico continuado e cirúrxico para lograr a estabilización lesional, quedándolle secuelas á vítima.

Por iso, a Seguridade Social recoñeceulle a incapacidade para realizar o seu oficio como operaria nunha fábrica téxtil. Ademais, agora a Sección 4 da Audiencia Provincial de Pontevedra estimou parcialmente o recurso de apelación interposto pola muller a unha sentenza do Xulgado do Penal número 4 de Pontevedra, absolvéndoa dos delitos de lesións psicolóxicas sobre as súas fillas menores. Desta maneira, queda sen efecto a condena ao pago das responsabilidades civís accesorias á devandita condena e o pago das costas imposto.