Recoñecer, actuar e restaurar, os tres pasos contra a violencia

De esquerda a dereita, Cristina Martínez, Victoria Rey, Carme Adán, Rosario Álvarez, Belén Puñal, Concha Fernández, Laura Seara e Ana G. Liste, esta segunda feira no CCG. (Foto: Nós Diario)
O Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura Galega presentou onte Recoñecer, actuar e restaurar. Manual básico para afrontar as violencias machistas, unha guía que percorre tres escenarios e describe tres accións fundamentais para a erradicación da violencia contra as mulleres.

"O gran valor deste manual é o seu carácter práctico", afirma en declaracións a Nós Diario Ana Belén Puñal Rama, investigadora en xénero e comunicación e unha das catro autoras de Recoñecer, actuar e restaurar. Manual básico para afrontar as violencias machistas. "De forma directa indica que facer en situacións concretas", aclara, desde a identificación das diferentes formas de violencia machista nos seus múltiples contextos até como proceder cando unha se recoñece vítima de violencia de xénero ou violencia sexual.

O manual recolle os escenarios e itinerarios que se abren cando unha moza ou unha muller decide actuar e presentar unha denuncia. "Os procesos xudiciais son complexos, coñecer todos os recursos e servizos dispoñíbeis é complexo, mesmo entender que é violencia nas relacións de parella ou cantas formas pode adoptar a violencia sexual é complexo, por iso queriamos facer unha guía pequena, sinxela, ben estruturada e que permitise unha consulta áxil", resume Carme Adán, coordinadora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura Galega (CCG) e coautora da guía xunto á psicóloga Victoria Rey Mariño, formadora en xénero e igualdade, e a avogada Cristina Martínez Fernández, traballadora no Centro de Información á Muller (CIM) de Arteixo (comarca da Coruña).

Linguaxe directa

O Consello da Cultura Galega acolleu onte a presentación deste manual básico no marco dunha xornada de reflexión sobre a situación actual das violencias machistas que na guía fanse visíbeis a través das cifras. Só dous exemplos: 1.244 vítimas mortais de violencia de xénero entre 2003 e 2023 e oitos denuncias diarias por violación no Estado español. "Os datos apuntan directamente a unha realidade incuestionábel" xustifica Adán, que sinala a violencia machista como un problema político de primeira orde.

Acabar con ela implica recoñecer os seus mecanismos de control, illamento ou desvalorización; ter claro que nada xustifica unha agresión sexual, "nin a roupa, nin o comportamento, nin onde ou como te atopes", e que existen protocolos de actuación para afastar o agresor e avanzar na protección da vítima.

"A guía emprega unha linguaxe directa e fácil de comprender, interpela as mulleres e achégalles respostas prácticas", destaca Puñal Rama. Que fago se son vítima de violencia de xénero. E se fun agredida sexualmente. Onde podo presentar unha denuncia. Como vai ser a declaración. Que implica unha orde de protección. Que vou atopar nun CIM. Son algunhas da preguntas concretas que responde esta nova guía, accesíbel en liña mais tamén nos CIM, en Concellos, centros escolares e universidades da Galiza.

Recoñecer, actuar e restaurar son tres accións imprescindíbeis, a comezar pola primeira. "Actuar e restaurar fan parte do mesmo proceso. Non hai unha orde temporal mellor, de feito a lei galega de 2007 –pioneira no Estado– contempla o acceso a servizos de apoio e acompañamento sen necesidade de denuncia", di  Adán.