Recorren a adxudicación da praza na Escola de Restauración por "enchufismo"

[Imaxe de arquivo dunha aula ao ar libre na Ecola de Restauración / Mónica Patxot]

A CIG presentou un recurso de reposición mentres que a dirección do centro acudiu á Fiscalía. 

A Confederación Intersindical Galega (CIG) e a propia Escola de Restauración de Pontevedra iniciaron novas accións para denunciar a creación dunha praza na especialidade de Conservación e Restauración de Documentos gráficos, inexistente no centro. 

A Escola insta a Fiscalía a investigar o que acha un proceso "irregular"

Segundo apuntan diversas fontes consultadas por Sermos Galiza a persoa adxudicataria, actual directora do Museo Pedagóxico de Galiza (MUPEGA), ten unha relación de parentesco cun alto cargo da Xunta de Galiza, no concreto coa secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella. 

Perante a adxudicación final da vacante creada ad-hoc, malia os recursos presentados pola CIG, a central sindical decidiu presentar un outro recurso, desta volta de reposición, para exixir á Consellaría de Educación que rectifique. Para alén diso a propia Escola de Restauración dirixiuse á Fiscalía através dun escrito no que a instan a investigar o que achan é un procedemento contrario a dereito. Aliás, están a recoller sinaturas através da plataforma Change.org. Con esta campaña denuncian o "enchufismo" no proceso. 

CIG: "Seguiremos até o final para denunciar esta cacicada"

A CIG levará ao Parlamento o caso

Desde a CIG advirten que "seguiremos até o final para denunciar esta cacicada e falcatruada" que tildan de "inaceptábel" máxime, acrecentan, "ao comprobar que hai relación de parentesco cun alto cargo da Xunta". 

Neste senso, a central sindical elevará o caso ao Parlamento de Galiza através dos grupos parlamentares e exixirá explicacións ao goberno galego.