Os recortes da Xunta impiden cursar FP básica no IES Xosé Trapero

IES da Terra Chá [Imaxe Xunta]

O persoal docente e a ANPA denuncian que a falta de recursos "imposibilitan a atención das demandas do alumnado".

Menos cartos e menos profesorado. Eis as consecuencias dos "recortes que dende hai anos se veñen aplicando na Consellería de Educación", denuncian desde o IES da Terra Chá Xosé Trapero Pardo en Castro Ribeiras de Lea. 

O estudantado non puido cursar FP Básica de rama agraria porque "sería necesaria a provisión dun novo profesor que impartise os módulos profesionais" e non o hai

No concreto sinalan que por mor da falta de persoal docente o estudantado tivo que ficar sen algunhas das materias optativas --Latín en 4º da ESO e Debuxo Artístico en 1º de Bacharelato-- para alén de non ser posíbel a implantación da FP Básica de rama agraria, apuntan,  porque "sería necesaria a provisión dun novo profesor que impartise os módulos profesionais" o que deixou "sen oferta educativa a un conxunto de alumnos de toda a comarca", sinalan. 

Aliás, o servizo de atención na Biblioteca "é deficiente" e o estudantado non pode facer uso da aula de informática fóra do horario lectivo dedicado a esta materia porque non contan con persoal suficiente. "Tampouco poden participar en actividades deportivas", acrecentan, pola mesma razón para alén de se estar a "incumprir" a normativa vixente na elaboración dos horarios "dunha cuarta parte do profesorado". 

O persoal docente denuncia carencias na atención da Biblioteca e a imposibilidade de abrir a Aula de Informática

Perante esta realidade boa parte do profesorado reclamou á Xefatura Territorial de Educación máis docentes. Demanda que non foi atendida pola Xunta. "Consideramos evidente a degradación do ensino público, que non atende ás necesidades da comunidade educativa —pais/nais, alumnado,  profesorado—; senón que prima os criterios económicos sobre os sociais, propios do ensino público", denuncian. 

Por esta razón iniciaron mobilizacións coas que reclaman máis docentes en vindeiros cursos académicos.