Ensino

Os recortes en profesorado mobilizan a comunidade educativa de Touro: menos apoios e máis sobrecarga

Nais e pais do alumnado do CPI Fonte Díaz de Touro concentráronse contra os recortes no ensino. (Foto: Nós Diario).
A ANPA A Santaia do CPI Fonte Díaz realizou unha concentración para protestar polos recortes no novo curso escolar

A unha semana de que comece o curso escolar, as protestas da comunidade educativa contra os recortes no ensino non cesan. Esta segunda feira foi a ANPA A Santaia do CPI Fonte Díaz de Touro (comarca de Arzúa) quen se mobilizou para protestar pola perda de profesorado e horas lectivas que afectarán o alumnado do centro a partir do vindeiro 11 de setembro.

Nais e pais dos estudantes concentráronse ás portas do colexio público. A convocatoria contou cunha ampla participación da comunidade educativa e veciñal. Alumnado do centro tomou a palabra ante profesorado, representantes do Concello e veciñanza para ler un manifesto no que expresaron a súa preocupación pola calidade da educación nas aulas.

A rapazada demandou solucións inmediatas para evitar que os recortes poñan en risco o seu futuro académico. O próximo curso o CPI Fonte Díaz perderá un profesor compartido de inglés, o que segundo a ANPA se traduce na redución de tres horas de plurilingüismo en educación Infantil e seis horas en Primaria.

Representantes da asociación de nais e pais destacaron durante a mobilización que a situación no centro vese agravada pola sobrecarga de traballo para a única mestra de inglés que permanece no colexio, quen a partir de agora debe facerse cargo de 19 horas lectivas. "Esta docente, que tamén exerce como xefa de estudos de Primaria, viuse obrigada a renunciar a tres das seis horas que normalmente se dedican ás tarefas administrativas e de xestión que o seu cargo require".

Apoios educativos

Os recortes tamén provocaron a eliminación dos apoios na aula, considerados esenciais para que o alumnado con dificultades de aprendizaxe poida acadar resultados educativos satisfactorios. "A falta de recursos está a xerar problemas á hora de cubrir as gardas, o que podería levar a que un ou varios grupos de estudantes queden sen supervisión docente en determinados momentos", advirte a ANPA.

A asociación A Santaia volverase mobilizar antes de que dea inicio o novo curso, a cuarta 11 de setembro. Así, xa convocaron unha nova concentración esta quinta feira, día 5, ás 12 do mediodía, ademais de trasladar ao Concello e a todos os grupos políticos que forman parte do goberno local a situación que atravesa o centro e presentar unha queixa formal ante a Valedora do Pobo.

O mesmo día 5, avanzou a ANPA, manterán unha reunión coa inspectora de educación para o xoves, 5 de setembro.