Recuperan un cadáver no río Ulla que podería ser un octoxenario desaparecido en Teo

O pasado mes de decembro desapareceu na zona un octoxenario e, no seu día, localizáronse pezas deste home na ponte de Pontevea. (Foto: Nós Diario)
Un particular viu o corpo flotando á altura da parroquia de Santa María de Couso.

O operativo para recuperar un corpo do río Ulla ao seu paso polo municipio da Estrada (Terra de Montes) rematou na mañá desta terza feira após conseguir realizarse o rescate. Así veñen de notificalo fontes da central de emerxencias do 112-Galiza, que explican que as forzas da orde tratan de esclarecer agora as causas do suceso e traballan na identificación do cadáver., cuxa identidade aínda se descoñece.

O pasado mes de decembro desapareceu na zona un octoxenario e, no seu día, localizáronse pezas deste home na ponte de Pontevea (Teo), polo que a procura decorreu principalmente nas inmediacións da praia fluvial. Foi un particular quen alertou o 112 esta pasada segunda feira sobre as 18 horas de que vira este corpo flotando no río, á altura da parroquia de Santa María de Couso.

A unidade de apoio loxístico da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) desprazouse até a zona cun equipo de iluminación, aínda que o caudal do río e o difícil acceso a este fixeron necesario atrasar o rescate un día. Desde o 112 deron aviso ao 061, Bombeiros do Deza, Garda Civil —que derivaron ao lugar un equipo acuático—, GES de Padrón, Emerxencias da Estrada e Policía Local, tanto de Teo como da Estrada.

Aínda que con diferentes medios no lugar, o 112 explica que o rescate do corpo xa se prevía complicado, "tanto pola crecida do río como pola pouca iluminación conforme anoitecía". Desde primeira hora da mañá desta terza feira un equipo dos GEAS da Garda Civil e outro equipo da Axega atopábanse no punto para colaborar co resto de equipos de emerxencias na recuperación do cadáver.