A Rede Educativa LGBTIQ+ denuncia un caso de "censura": "Ordenáronme retirar os carteis de moi malas formas"

Dirección do Froebel mandou eliminar carteis coma estes exhibidos noutros centros de ensino. (Foto IES Nº 1 de Ribeira).
A Dirección do CEIP Froebel de Pontevedra ordenou a un mestre do centro retirar os materiais divulgativos cos que alumnado de 4º de Primaria traballou o Día Internacional contra a Homofobia, a Transfobia e a Bifobia.

Na recta final do curso escolar, ás portas do mes do Orgullo, moitos centros de ensino aproveitan a data do 17 de maio para  atender unha das medidas recollidas na Lei de 2014 pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais na Galiza.

A norma estabelece no seu artigo 22 a "inclusión da realidade LGTB+ nos plans de estudos" e chama, no 26, a "combater o acoso e favorecer a visibilidade". Neste sentido, di, "a consellaría competente en materia de educación favorecerá nos centros sostidos con fondos públicos a realización de actividades específicas próximas a datas de celebración internacionais relacionadas co recoñecemento efectivo de dereitos a persoas lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais".

Cada ano a Rede Educativa LGBTIQ+ publica un calendario actualizado no que figuran unha trintena de días sinalados, datas de interese a escoller pola comunidade escolar para sensibilizar o alumnado e conmemorar nas aulas. O 17 de maio, ademais do Día das Letras Galegas é o Día Internacional contra a Homofobia, a Transfobia e a Bifobia, "e resulta ser a data máis utilizada nos centros educativos contra LGBTIfobia, un dos temas máis interesantes e atraentes no ensino para concienciar estudantes e docentes", sinala a Nós Diario Ana Ojea, profesora e coordinadora da Rede Educativa LGBTIQ+.

Desautorizado

O 17 de maio foi a data escollida polo mestre Francisco González Diéguez para traballar na aula co seu alumnado de 4º de Primaria do CEIP Froebel, de Pontevedra, algúns contidos relacionados. Aproveitou un dos materiais achegados pola Rede, un recurso elaborado pola asociación estatal de familias de menores trans Euforia. "A actividade está dispoñíbel na súa web. O único que fixemos foi traducila e compartila, o que permitiu  que moitos centros da Galiza a usaran", confirma Ojea.

"A véspera do 17 de maio traballamos algúns conceptos básicos como lesbiana, gay, bisexual; porque aínda que os vexan na tele ou escoiten falar deles non teñen claro a que se refiren. E traballamos, ademais, cunha serie de expresións que o colectivo LGBT+ ten que escoitar a diario, que son proba da LGBTIfobia que soporta e que non se pode consentir. Baixo ningunha circunstancia se pode insultar nin ofender a ninguén polo que queira ser, polo que sinta ou desexe", afirma González Diéguez en declaracións a este xornal.

Todo ficou agochado e sen resposta, malia a conduta LGBTIfóbica da Dirección do centro

As expresións LGBTIfóbicas que empregaron na aula, impresas en papeis de cores, colgáronas fóra ao carón da porta de entrada formando un arco da vella. "Apenas unha hora despois a xefa de estudos, diante do alumnado, ordenoume retirar os carteis de moi malas formas, sen máis argumentos que porque ela o mandaba. Ou os quitaba eu ou os quitaba ela".

Foi a xefa de estudos quen os retirou, co apoio da Dirección do centro e sen ningunha outra explicación, asegura González Diéguez, quen ante a falta de respostas cursou un escrito dirixido ao CEIP Froebel que trasladou á Inspección Educativa, de quen tampouco tivo contestación.

"O silencio por parte da Administración é total, tamén ás nosas solicitudes, elevadas á Dirección provincial de Educación. Queriamos que antes de que rematase o curso o mural fose reparado e o compañeiro recibise unha desculpa tras ser desautorizado ante o seu alumnado. Máis todo ficou agochado e sen resposta, malia a conduta LGBTIfóbica da Dirección do centro, totalmente contraria ao obxectivo da actividade promovida na aula", asegura Ojea. 

Unha realidade que "non existe"

"Eu presentei un escrito tanto na Secretaría do colexio no que fago constar a obriga que temos nos centros públicos de ensino de traballar conmemoracións relacionadas coa comunidade LGBT+. Estou amparado pola lei", sinala Francisco González Diéguez, que o 31 de agosto remata o seu contrato como interino no CEIP Froebel e segue sen recibir ningunha explicación por parte do centro nin resposta da Inspección Educativa.

A obriga de retirar os materiais divulgativos, "de xeito impositivo", describe Ojea, é unha forma de censura que "pasa por riba da autonomía e do dereito dun profesor a facer unha actividade e do alumnado a recibila".

O plan de igualdade do centro non recolle ningunha data conmemorativa do colectivo LGBT+, non existe para eles

"O alumnado ten dereito a recibir unha educación que non sexa LGBTIfóbica, e non só que non sexa, senón que temos obriga como docentes, equipos directivos e como sistema educativo en xeral, amparados por todo o marco normativo vixente, de sensibilizar, traballar e educar o alumando na diversidade sexual. Está na orde do calendario escolar oficial de todos os anos", di Ojea.

No caso do CEIP Froebel, aclara González Diéguez, "o plan de igualdade do centro non recolle ningunha data conmemorativa do colectivo LGBT+, malia mencionalo no capítulo celebracións". Figuran o día da paz, o da muller, o do acoso escolar, a violencia de xénero, o da persoas con discapacidade, estre outros, mais ningún día concreto que alente o profesorado a traballar sobre a realidade das persoas LGBT+. "Non existe para eles”, conclúe.