O futuro na Galiza dos refuxiados en Monterroso: "Traballar e traballar para ter unha casa e poder vivir aquí coa miña familia"

Mustafá (primeiro pola esquerda), Mamadou (terceiro) e Mohamed (á dereita), xunto a varios compañeiros en Monterroso. (Foto: María Monteiro)
Alle Baba, Mamadou, Michael Paul, Birame ou Mustafá son parte dos 126 novos residentes de Monterroso (A Ulloa). Comparten unha historia común: chegaron en pateira a Canarias, meses en centros de Tenerife, o seu paso por Mérida (Estremadura) e a agarda nun hotel de Monterroso por permisos de traballo.

A de hoxe, terza feira, 10 de setembro, é a duodécima xornada en Monterroso (A Ulloa) para 126 rapaces de distintas idades, nacionalidades e profesións, que chegaron ao Hotel Río Ulla o pasado 29 de agosto. Teñen en común o periplo que nos últimos meses fixeron para fuxir dos seus países de orixe, subirse a unha pateira até Canarias e entrar no sistema español de inmigración.

En Tenerife permaneceron varios meses nun centro de acollida, logo foron trasladados a Mérida e desde alí, en autobús, o 29 de agosto chegaron a Monterroso. No exterior do hotel no que se aloxan atenden Nós Diario Alle Baba e Mustafá, nados no Senegal; Mamadou, de Guinea; Michael Paul, nado en Nixeria, e Birame, de Mauritania. Teñen entre 20 e 39 anos, todos eles deixaron pai, nai e irmáns nos seus países, e algún como Mamadou, dous fillos pequenos (Ibahimakalill e Alphayagauba).

Somos negros pero aquí non hai racismo

Á pregunta de que agardan do futuro, repiten todos: "Traballar, traballar, traballar moito". Aseguran que en Monterroso a veciñanza está a tratalos moi ben, que se relacionan a diario con todos os veciños e as veciñas xa que aproveitan a súa espera, moitas horas mortas no día, para pasear en grupos polas rúas do concello, sentar a charlar en bancos e manter conversas coa veciñanza, conversas que de momento para moitos deles son complicadas pola dificultade do idioma. Todos din algunhas palabras en español, e algún como Mustafá fala de modo máis fluído porque aprendeu o idioma nos seis meses que pasou en Tenerife.

Mustafá é o benxamín do grupo, ten 20 anos, sinala a Nós Diario. No Senegal era mariñeiro e agarda poder selo aquí. Sabe que a Galiza é unha potencia pesqueira e espera que pasen os dous meses que faltan para obter o seu permiso de traballo e voltar ao mar. Moitos dos seus compañeiros en Monterroso tamén eran pescadores, "somos moitos que queremos ser tamén pescadores aquí", di. Asinte tamén Birame, mariñeiro en Mauritania.

Alle Baba leva catro meses no Estado español. Chegou en pateira a Canarias desde o Senegal, alí deixou pai e nai, catro irmás e dous irmáns. Saudámolo diante do hotel en Monterroso cun simple "ola". Ao momento, deixa o seu teléfono móbil para falar con nós. Ten moitas dificultades aínda para comunicarse, leva unha camiseta do Real Madrid e na súa foto de Whatsapp está Lamine Yamale posando coa Eurocopa recentemente gañada pola Selección Española de Fútbol.

Alle Baba non ten estudos, traballaba no Senegal para a supervivencia da súa ampla familia e quere facer o mesmo aquí. "Este é o mellor país do mundo", repite ás preguntas sobre o seu futuro, e engade outro destino que lle gusta: O Canadá. De novo o obxectivo é "traballar e traballar para ter unha casa e poder vivir aquí coa miña familia". 

Mamadou reparaba televisións en Guinea, ten 39 anos é un dos maiores do grupo, deixou no seu país muller e dous fillos menores, a situación alá non era boa, seu pai foi asasinado, ten catro irmáns e decidiu embarcarse nunha pateira na que chegou a Canarias. Non fala moi ben español e o seu compañeiro Michael Paul (Nixeria) axúdanos a saber máis cousas del. Sinala un camión de transporte aparcado na estrada, explica que no seu país tamén foi camioneiro e xa sabe que terá que sacar un permiso especial de conducir para facelo aquí.

Michael Paul é nixeriano, chegou en pateira a Canarias hai sete meses, deixou alí catro irmáns. Traballaba nun taller pintando coches e pregunta se na zona hai moitos talleres. En dous meses, as responsábeis da ONG que os acompañan en Monterroso dixéronlles que terán os seus permisos de traballo. Mentres, a ONG Rescate impártelles unha actividade de conversa en español para que vaian aprendendo ese idioma.

Protección internacional

Todos son conscientes e falan do seu estatus de refuxiados, saben que teñen protección internacional por fuxiren de zonas con conflitos bélicos, mais non queren falar disto. Michael Paul finaliza a pregunta sobre o que acontece no seu país (Nixeria) cun "está pasado", "hai violencia e medo". 

Hai que botar unha man, son persoas, non hai debate

Amosan impaciencia por facer cousas, por matar o tempo mentres agardan reiniciar as súas vidas, "agora só podemos comer e durmir", aseguran, e a impaciencia por eses dous meses máis de espera asoma nas súas facianas. Preguntados pola acollida en Monterroso, louvan o agarimo co que os veciños e as veciñas os están a integrar, "somos negros pero aquí non hai racismo", din. Explicámoslles que moitos dos seus veciños foron no pasado emigrantes noutros países do mundo. "Si, moitas persoas paran a falar con nós e explícannos iso". Entre paseos, conversas e improvisados partidos de fútbol agardan os dous meses que faltan para poder buscar un emprego e comezar as súas novas vidas.

Chegada á Ribeira de Piquín

O Hotel Mirador de Barcia de Ribeira de Piquín (comarca de Meira), concello con 497 veciñas empadroadas, acolle desde a tarde de onte 51 refuxiados. Son solicitantes de asilo que chegaron ao Estado español hai meses desde de Malí, O Senegal e Mauritania. 

A solidariedade da veciñanza coas persoas refuxiadas

A chegada destes refuxiados a Monterroso ten xerado unha ola de solidariedade entre a veciñanza, a pesar de que desde o Concello o seu alcalde, Eloy Pérez (PP), dixo dez días antes que consideraba "indignante que queiran impoñer esta situación que leva días xerando alarma social na vila diante do número desproporcionado de persoas".

Nada máis lonxe da realidade, desde que chegaron a Monterroso a veciñanza está dedicada a eles. O presidente da Sociedade Deportiva (SD) Monterroso puxo ao seu dispor as instalacións deportivas e cada tarde medio cento deles xogan ao fútbol e adestran alí. Balbino Martínez ten claro que "hai que botar unha man, son persoas, non hai debate". Tamén organiza unha recollida de roupa de inverno, algo moi necesario nestes intres xa que coa chegada de setembro moitos destes refuxiados recoñeceron a Nós Diario: "Temos frío e non temos roupa nin calzado de abrigo". Non é o único caso, Ana Carballo e súa nai rexentan o salón de peiteado Tabú en Monterroso. "O primeiro día fun ao Hotel Río Ulla e ofrecín a nosa axuda no que fixese falta, por suposto cando precisaran cortes de pelo pero tamén para recoller roupa para eles ou mesmo o meu grupo de amigos, somos xente nova e por se queren charlar ou saír e coñecer mellor o concello".