Regresa aos seus fogares a veciñanza vilagarciá evacuada polo incendio de Xiabre

Incendio en Vilagarcía de Arousa. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)
Segue decretada a alerta por proximidade ao núcleo da Porteliña, en Caldas de Reis.

Veciños e veciñas de 25 vivendas desaloxadas na madrugada desta sexta feira en Vilagarcía de Arousa debido ao incendio —aínda activo— iniciado na parroquia de Saiar, en Caldas de Reis, puideron regresar recentemente ás súas casas.

Segundo fontes consultadas por Europa Press, a veciñanza evacuada na parroquia vilagarciá de Cea, en concreto no lugar de Castroagudín, na zona de Aldea de Arriba, puideron volver ás súas casas na mañá desta sexta.

Por outra parte, nestes momentos as estradas da zona áchanse todas habilitadas para a circulación, logo de permanecer cortados nalgún momento da noite determinados treitos das calzadas VG-4.7 e PO-305. Nesta última, a DXT mantén vixente unha advertencia por retencións entre o quilómetro 0 e o 4, en ambos os sentidos.

Segundo a última información trasladada pola Consellaría do Medio Rural, con datos recollidos até as 8.30 horas, o fogo, activo desde as 19.25 horas desta quinta feira, calcinou xa 350 hectáreas e obrigou a decretar a situación 2 de alerta por proximidade ao núcleo da Porteliña (Caldas), unha medida que segue en vigor.

Con todo, o alcalde desta localidade, Juan Manuel Rey, confirmou a Europa Press que a situación no municipio "está mellor que esta pasada noite" e agora "parece que xa non hai risco para as casas".

No punto traballan catro técnicos, seis axentes, 30 brigadas, 24 motobombas, cinco pas, catro avións e catro helicópteros. Aliás, solicitouse o apoio da Unidade Militar de Emerxencias (UME).