Adeus ás nécoras e centolas cocidas ao xeito 'tradicional'? O Reino Unido estuda prohibir a cocción do marisco vivo

A lei de Benestar Animal que tramita o Parlamento británico recoñecerá que os animais non humanos son seres que senten.

O Goberno do Reino Unido estuda prohibir a cocción de centolas, nécoras, lumbrigantes, lagostas e outros crustáceos vivos como parte do seu proxecto de lei de Benestar Animal que tramita actualmente o Parlamento e que, entre outras cousas, recoñecerá que os animais non humanos son seres que senten.

Aínda que este texto xa cobre os dereitos dos animais vertebrados, o Executivo estuda agora apoiar unha emenda presentada na Cámara dos Lores que contemplaría protexer tamén os dos invertebrados, como crustáceos e moluscos, tal e como informa o diario ' The Times'.

O Executivo encargou o ano pasado unha revisión independente da evidencia científica sobre se os cefalópodos (polbo, lura) e os decápodos (cangrexos, lagostas) son sensíbeis. Ese estudo aínda non concluíu, pero espérase que forme a base da decisión do Goberno.

A Sociedade para a Prevención da Crueldade Animal suxire como métodos "menos crueis" aparvar o animal cunha pistola eléctrica ou arrefriándoo en xeo ou aire a menos de 4 graos centígrados

Tamén a Fundación de Benestar Animal do Partido Conservador (CAWF, en inglés) publicou un informe o pasado xuño no que aseguraba que existe unha "evidencia sólida" de que os polbos e as lagostas son "capaces de sentir dor", polo que pedía explorar se existen formas de "aliviar" o seu sufrimento.

De se confirmar a nova emenda e de aprobarse a lei, conlevaría a prohibición de prácticas de crueldade animal como envolver e enviar por correo mariscos vivos, ou o ferver lagostas vivas -xa ilegal en países como Suíza, Noruega ou Nova Zelandia-, que serían substituídas por formas alternativas "máis humanas", indica ' The Times'.

A Sociedade para a Prevención da Crueldade Animal suxire como métodos "menos crueis" aparvar o animal cunha pistola eléctrica ou arrefriándoo en xeo ou aire a menos de 4 graos centígrados, entre outros.

Con todo, segundo o xornal, a medida contaría coa oposición da industria pesqueira, que desembarca máis de 420 millóns de cefalópodos e crustáceos cada ano no Reino Unido.