A reivindicación da República Galega, aos catro ventos

(Foto: Estreleira)

Catro actos nos catro puntos cardinais na Galiza servirán este sábado, día 29, para conmemorar a proclamación da I República Galega en 1931. O proxecto Estreleira, impulsor desta conmemoración descentralizada, anima a cidadanía a participar.

O 27 de xuño de 1931 foi a proclamación da efémera República Galega. O 28 de xuño de 1936 o pobo galego votaba o estatuto. Case nove décadas despois o proxecto Estreleira conmemora con catro actos descentralizados unhas datas chaves na “causa nacional” galega.

As citas serán este sábado, día 29, e baixo o lema ‘Galiza aos quatro ventos’. A finalidade, visibilizar e pór en valor a I República Galega ao tempo que se continúa coa aposta por espallar a simboloxía nacional galega. Esta campaña comezou a deseñarse en novembro e desde entón unha comisión organizadora leva traballando todos estes meses para que a xornada do sábado 29 se desenvolva con éxito.

Os actos terán lugar nos catro puntos cardinais. No sur, en Salvaterra do Miño (comarca do Condado), ás 12 horas, despregaranse bandeiróns xigantes da Galiza e Portugal, “recordando e recoñecendo a importancia da irmandade portugalega na causa nacional da Galiza”.

No leste o acto será no Pico Tres Bispos, nos Ancares, onde se despregará unha bandeira do antigo Reino da Galiza. A escolla deste punto é para “reivindicar as terras de lingua e cultura galegas” que están fóra dos límites administrativos actuais da Galiza.

Cabo Ortegal será o punto onde decorra o acto no norte da Galiza. Un roteiro até alí finalizará co despregamento dunha grande badeira galega co escudo “da serea” deseñado por Castelao. Este emprazamento apela aos “vínculos da Galiza” cos países celtas, ma tradición do “celtismo” que marcou parte do galeguismo.

Por último, no oeste, a cita será no Cabo Fisterra, cunha cadea humana con “estreleiras”. Alí despregarase unha bandeira xigante da Patria, “en lembranza dos galegos e galegas que contribuíron á causa nacional” da Galiza desde a emigración, nomeadamente en América do sur.

Esta iniciativa chega toma o relevo das desenvolvidas por Estreleira desde a súa posta en marcha, en2021, como a cadea de “estreleiras” para rodear a muralla de Lugo ou o desfile republicano en Ourense  o acto en Porto, Portugal; entre outros.

A organización sitúa estes actos na "necesidade" de difundir e dar a coñecer publicamente efeméredes importantes na historia da Galiza. Apostan para iso por intentar "chegar ao máximo posíbel de persoas" a través d einiciativas que rachen cos formatos máis convencionais de palestras ou manifestacións.