Remolcada unha embarcación con catro tripulantes tras sufrir danos por unha interacción con candorcas

A embarcación Salvamar 'Regulus', de Salvamento Marítimo (Foto: Salvamento Marítimo).
Segundo confirmaron fontes de Salvamento Marítimo, os tripulantes deron a alarma este sábado.

O veleiro Sabre2, de bandeira eslovaca e con catro persoas a bordo, tivo que ser remolcado tras sufrir danos nos dous temóns por mor dunha interacción con candocas a unhas nove millas ao sur de Fisterra.

Segundo confirmaron fontes de Salvamento Marítimo, os tripulantes deron a alarma +este sábado e ao principio pensaban que poderían chegar a Vigo.

Con todo, posteriormente indicaron que sufrían danos nos dous temóns polo que mobilizaron á Salvamar Régulus que os remolcou até Muros.

Con todo, as mesmas fontes confirmaron que todos os membros da tripulación se atopaban ben.

Outro caso en Vigo

Por outra parte, na noite da sexta feira, sobre as 23.40 horas, outro veleiro sufriu unha interacción con candorcas, pero non necesitaron a intervención de Salvamento e chegaron polos seus medios a Vigo, verificou Salvamento.

Así, un dos tripulantes desta embarcación reportou no Facebook de 'Orca Attack Reports' que a interacción durou uns 20 minutos e nese tempo o temón foi "golpeado violentamente aproximadamente 10 veces".

A continuación, explicou que desconectaron o piloto automático, apagaron o motor e toda a iluminación do barco. Con todo, cada vez que as candorcas saían á superficie lanzáronlles "potentes focos directamente" tras o que os animais "pareceron perder o interese e fóronse".