Remolcado un veleiro con dous tripulantes tras unha interacción con candorcas a 6,5 millas do Roncudo

O veleiro 'Amidala', este domingo, sendo remolcado polo 'Salvamar Altair'. (Foto: Salvamento Marítimo)

Resultou ferida grave nunha man unha das persoas que ían no barco, polo que foi evacuada.

Salvamento Marítimo remolcou a un veleiro, con dous tripulantes, tras unha interacción con candorcas a 6,5 millas do Roncudo, segundo informa. Durante a manobra de remolque, unha tripulante resultou gravemente ferida nunha man e foi evacuada polo Helimer 402.

En concreto, foi o domingo pola tarde cando o veleiro Amidala, con dous tripulantes belgas (home e muller), solicitou asistencia por interacción con candorcas. Ás 15.39 horas recibiuse a alerta no Centro de Salvamento Marítimo de Fisterra. O Amidala avisaba de danos no temón e comunicaba que non tiña capacidade de manobra.

O Centro de Salvamento Marítimo de Fisterra (CCS Fisterra), baixo a dirección da Capitanía Marítima da Coruña, mobilizou o Salvamar Altair e o Helimer 402. As condicións meteorolóxicas na zona eran, nese momento, adversas con ondas de dous e tres metros e ventos de 35 nós.

Durante a manobra de remolque, a tripulante resultou ferida gravemente nunha man polo que se realizou o seu transbordo desde o veleiro á Salvamar Altair para a posterior evacuación co Helimer 402, "xa que a chegada a Camariñas (Terra de Soneira) por mar demoraríase unhas catro horas debido ao remolque en condicións meteorolóxicas desfavorábeis", explica Salvamento.

Ás 18.26 horas, o Helimer 402 tiña a tripulante a bordo e o seu desembarco produciuse no aeroporto de Alvedro ás 18.55 horas. Posteriormente, as 21.20 horas, a Salvamar Altair deixou atracado o veleiro Amidala en Camariñas.

Manuel Capeáns, xefe do Centro de Coordinación de Salvamento de Fisterra, destacou, sobre os feitos, "a dureza das condicións meteorolóxicas" e o "bo facer" do equipo de rescate e a experiencia dos tripulantes do veleiro.