O debate: Unha renda básica universal: un avance para a sociedade ou unha medida imposíbel?

A pandemia ten disparado as desigualdades na Galiza. (Foto: Nós Diario)
O Govern catalá estuda se manter o Plan de renda básica universal (RBU) do anterior Executivo, traendo ao primero plano o debate sobre unha renda cidadá. 

Mercedes Suárez. Economista

O  político e escritor estadounidense Thomas Paine, considerado un dos “pais fundadores” de Estados Unidos de América, defendía, alá polos finais do século XVIII, que as grandes propiedades de terra debían pagar unha cantidade importante como imposto. Co diñeiro recadado con ese gravame daríase unha axuda a todos os cidadáns que ao chegar a 21 anos de idade non tivesen terras en propiedade. Igualaríase así, defendía, a situación de partida para todas as persoas ao chegar á maioría de idade. Mais de douscentos anos despois, o debate sobre as rendas continúa, con altos e baixos, á súa vez, teñen numerosos deseños, alcances e obxectivos, non se presenta tan sinxelo. Se tras a crise de 2008 o debate sobre propostas como a renda básica universal (RBU) ou renda mínima estaban incluso no escenario do debate político, hoxe en día parece que desapareceron como prioridade, incluso entre aqueles que hai uns anos tanto a defenderon. 

Aínda que pode ser atractiva, a RBU é unha idea que, levada á realidade, tería moitas desvantaxes. A primeira é o seu alto custo. É certo que se eliminarían outros programas de axuda social para centralo todo nesa renda mínima garantida a todo o mundo, aforrando o custo e a burocracia asociados a programas como o subsidio por desemprego ou as axudas para a educación e outros

Pero moitas simulacións dunha renda universal indican que o seu custo fiscal sería moito maior que o do conxunto deses programas.  E ademais non sería estática no tempo, iría cada vez a máis. É moi fácil imaxinarse a nova contorna política nun país con RBU: todo o  debate acabaría centrándose en canto hai que subilo. Na súa forma máis pura, o custo podería acabar sendo totalmente prohibitivo para as administracións

A segunda desvantaxe é que desincentiva o traballo. Se se garante unha renda a cada individuo, o incentivo para traballar diminuiría, especialmente para as rendas máis baixas. Se traballa menos xente, haberá menor produción e menor renda a repartir. Tamén se xerarán menos postos de traballo, e menores ingresos para o Goberno que é o que ten que financiar o subsidio. A presión sobre o orzamento público, que é a primeira desvantaxe, sería aínda maior.

Outro escenario é que as empresas quedarían cos máis cualificados, porque o resto xa ten a renda básica, e os salarios dos ocupados crecerían máis (e os prezos). Isto xeraría, co tempo, maior desigualdade na distribución da renda.

Pero quizás a desvantaxe máis importante é que a RBU non vai dirixida só a quen realmente e verdadeiramente o necesita. É un pago a todos, con independencia do seu nivel de renda. Gran parte do gasto iría a persoas que non o necesitan. É unha política sinxela de administrar, pero moi ineficaz na consecución dos seus obxectivos. 

O "gancho" do efecto de diminución dos niveis de pobreza dunha renda destas características é moi atractivo, hai que recoñecelo. Pero, quizás, non sexa a mellor forma de reducir a pobreza a de poñer medidas que afogan economicamente unha sociedade, senón dar a cada individuo a capacidade para desenvolverse persoalmente mediante o traballo. E por último, se o Estado outorga unha renda básica e o cidadán convértese nun súbdito.


Rubén Méndez. Economista

renda básica universal (RBU) busca actuar sobre as raíces da desigualdade e da pobreza, a través dunha xusta redistribución da riqueza xerada socialmente e a dotación de seguridade económica ao conxunto da poboación.

O Programa de Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD), con motivo do Día Internacional contra a Pobreza, declarou que “ter un traballo asalariado non garantía quedar a salvo da pobreza”.  O PNUD avoga por unha RBU, “a cal entraña o potencial non só de restaurar a dignidade, senón tamén de brindar protección contra futuras crises”. 

A renda básica universal (RBU) é un ingreso mínimo sen condicións. É básica: un ingreso mínimo e modesto cuxo obxectivo é a atención ás necesidades máis elementais. E é universal porque se aplica a todos os cidadáns. E moi importante: a renda básica universal non é un subsidio social máis, senón unha alternativa a eles.

Os argumentos tradicionais máis relevantes en favor da RBU son a erradicación da pobreza, así como evitar o estigma social do pobre, e o avance na igualdade material. Neste sentido, é un avance cara a ter un verdadeiro estado social e de dereito. A historia ensínanos que é necesario un mínimo económico para poder gozar dos dereitos.

 Os detractores insisten e insisten en que unha renda básica universal non é viable. Pero iso é un argumento político máis que un argumento contrastado. A renda básica universal é "cara", pero viable. E non é tan “cara” como poida parecer nun principio, tal e como teñen argumentado voces do prestixio, por exemplo, o catedrático Ramón Soriano (un dos grandes expertos nesta tema), que liga a súa implantación a unha importante redución de gastos en dous grandes capítulos: o montante económico extraordinario dos actuais subsidios sociais –“unha sangría do Estado e das comunidades autónomas”–, que en gran parte deixarían de existir coa vixencia da RBU; e a alta cifra dos gastos polo mantemento das administracións e servizos dedicados á concesión, funcionamento e vixilancia dos subsidios sociais.

Tampouco está contrastado que este tipo de rendas implique que a xente se converta en lacazán e preguiceira e que ninguén vaia querer traballar. Os proxectos levados a cabo en California ou Finlandia demostran que, coas eivas que se queira poñer aos mesmos, non derivaron nun desincentivo a traballar. 

Así pois, a RBU sitúase na cadea histórica da conquista de dereitos: o dereito a unha lei igual para todos, o sufraxio, o dereito á xubilación, a vacacións pagas,.... Sen dúbida a Renda Básica Universal será difícil de pór en marcha, como ten recoñecido a ONU, pero non imposible. É importante considerar os pros e os contras, as razóns polas que non se aplicou de forma xeneralizada ata o de agora e os motivos que podería facela viable. "A alternativa a non dispoñer dunha Renda Básica Universal é o incremento de probabilidade  de que se produzan máis e máis desigualdades e maior inestabilidade social, que vaian a máis os conflitos, fluxos de migracións masivas... É neste contexto que debemos considerar seriamente a posibilidade de aplicar unha Renda Básica Universal ben deseñada, de modo que as crises poidan golpear, pero non destruír". A advertencia das Nacións Unidas non debería caer en saco roto.