Renfe amplía a suspensión de circulación de trens entre a Galiza e Madrid por un "incendio próximo á vía"

O incendio en Zamora que afectou a rede ferroviaria na segunda feira. (Foto: Europa Press)
As persoas usuarias deste servizo critican que Renfe non enviase ningún tipo de correo informativo, xa que só tería informado a través da súa conta de Twitter, polo que moita xente acudiu á estación con normalidade, para decatarse alí que o seu tren fora cancelado.

Renfe suspendeu na noite desta segunda feira todas as circulacións ferroviarias da liña de Alta Velocidade entre a Galiza e Madrid por "un incendio próximo á vía", que afectará os trens AVE e Alvia que realizan este percorrido.

"Debido a un incendio próximo á vía, Adif suspendeu a circulación entre a Galiza e Madrid", explicou Renfe na súa conta oficial de Twitter.

Así mesmo, indicou que "polo momento, non hai medios alternativos" e que ampliará "información a medida que avancen os traballos de extinción".

Na mañá da segunda feira, Renfe xa informou do peche "até novo aviso" do tramo de vía que une o municipio de Otero de Bodas e Zamora, en Castela e León, por un incendio no municipio de Losacio, tamén en Castela.

Falta de alternativas

Este primeiro fechamento da vía, que afectou o Alvia 4064 Ferrol-Madrid e o Alvia 4105 Madrid-Ourense, levou Renfe a dispor alternativas por estrada para permitir ás persoas viaxeiras seguir co seu percorrido.

Así, a compañía asegurou que xa se estabelecera un plan de transporte alternativo por estrada entre Zamora e Sanabria para os viaxeiros dos trens afectados.

Porén, o aumento da gravidade dos incendios que afectan a Galiza e o norte de Castela e León obrigaron Renfe a cortar totalmente as conexións ferroviarias entre o noso país e Madrid.

Nas redes sociais, moitas persoas queixáronse da falta de alternativas ofrecida pola compañía ferroviaria, así como pola ausencia de máis información, xa que moitas persoas denunciaron decatáronse da suspensión do tren ao chegar á estación para collelo, xa que Renfe non lles enviara ningún tipo de correo informativo.