Renfe non garante a recuperación do 100% dos servizos de tren

Estación de tren de Santiago de Compostela (Arxina)
O levantamento das restricións da mobilidade que impuxo a crise sanitaria nos tres últimos meses non ten acompañamento na recuperación dos servizos ferroviarios galegos. Se ben algunhas liñas van reincorporando frecuencias após o parón do estado de alarma, as conexións internas seguen mantendo hoxe parte das reducións do servizo que, sen compromiso para a súa restitución total por parte de Renfe, agravan os problemas que arrastran historicamente o sistema ferroviario do país.

A paréntese que supuxo para a mobilidade o estado de alarma sumou, no que ten a ver co transporte ferroviario galego, un novo escollo a un sistema con graves carencias previas en moitas das súas liñas. O inicio do que o Goberno central dá en chamar a "nova normalidade" non significou a recuperación da totalidade dos servizos de viaxeiros e viaxeiras, que se viron minguadas ou mesmo suprimidas durante os meses de confinamento e que aínda hoxe, segundo confirman fontes de Renfe, "non están a 100%". A compañía xustifica a diminución de trens nos criterios estipulados para o estado de alarma e na baixada da demanda, que na media distancia –sinala– foi de 36% neste pasado mes respecto ao ano precedente.

"Aínda estamos moi lonxe de mover os viaxeiros que tiñamos antes da pandemia", indican a Nós Diario desde o ente ferroviario, desde onde sinalan que a incorporación "progresiva" dos trens realizaras "segundo vaia incrementándose a demanda".

Desde o levantamento do estado de alarma o pasado 15 de xuño Galiza recuperou, segundo  indica Renfe, 24 trens, os últimos, seis servizos de Alvia para conectar a diario con Madrid e dous entre A Coruña e Vigo e Barcelona, que funcionan en días alternos con dúas frecuencias.

Estas mesmas fontes unicamente informan de "varios" incrementos nos servizos de media distancia e eluden confirmar se algunha das supresións aplicadas será definitiva, agás no caso do tren hotel, do que constatan que non está prevista a súa recuperación "a curto prazo", á vista das perdas do último ano deste servizo, que cifra en máis de 25 millóns de euros.

Para o resto, Renfe remítese ás "ratios de ocupación" como criterio para priorizar a oferta dos seus trens. Ademais da desaparición do tren hotel, que prestaba servizo nocturno para conectar Galiza con Madrid e Barcelona, os efectos da pandemia sobre o transporte ferroviario déixase notar tanto nas frecuencias  como nos horarios, aínda que non na mesma medida segundo a localidade.

Viaxar desde Ferrol a Ribadeo –ou a algunha s localidade intermedia– hoxe só é posíbel unha vez ao día, ás 08.20 horas, con chegada ás 11.25 horas, catro minutos antes do único tren de volta diario, programado para as 11.29 horas. Antes da COVID-19, as opcións multiplicábanse por catro.

Imposíbel desde alí chegar a Pontevedra, Vigo ou Lugo, e moi difícil facelo a Ourense, cunha única data diaria ás 05.55 horas, con retorno ás 20.28 horas. As frecuencias coa Coruña, tamén minguadas, redúcense a tres por xornada. Ourense, cunha rebaixa de máis de 50% na súa oferta e de até 75% con núcleos como León –un único tren ao día–, perdeu dous terzos dos servizos diarios co Barco de Valdeorras ou Ribadavia, dos seis aos dous. Desde alí, hoxe só se pode viaxar á Coruña en días alternos e só unha vez ao día até León.

(Podes ler o artigo íntegro no teu Nós Diario de hoxe, á venda no teu quiosque, libraría, tenda, gasolineira ou na nosa loxa)