Representantes do PP plantan o comité intercentros da CRTVG

[Imaxe Wikipedia]

Non acudiron á xuntanza prevista co Consello de Administración após as declaracións do director xeral da compañía nas que pedíu "adiar" as conversas. 

O conflito entre o comité intercentros da CRTVG e a dirección da corporación de radio e televisión públicas continúa. Após as denuncias por parte do cadro de persoal ao fío do escándalo que atinxe o ministro do Interior en funcións, Jorge Fernández Díaz, o director da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, acusou representantes sindicais de ter exercido "intimidación" contra xornalistas" e profesionais polo que advertiu que a entidade adoptaría medidas. Entre elas, a abertura dunha investigación por mor do protesto decorrido na redacción de informativos mais tamén o adiamento das conversas co comité. 

O comité denuncia un "uso partidista" do Consello de Administración da CRTVG por parte do Partido Popular

Dito e feito. Esta segunda feira (4 de xullo) estaba previsto un encontro do comité intercentros co Consello de Administración da CRTVG no que se atopan unicamente representantes do PP e do PSOE após o acordo alcanzado entre ambas as dúas forzas políticas para a súa renovación. Á cita, non asistiron as catro persoas nomeadas polo Partido Popular embora non terse desconvocado a xuntanza na que se abordaría a posta en andamento do Estatuto profesional e o Consello de Informativos. Ambas cuestións reclamadas co apoio de 359 sinaturas do persoal. 

Desde o comité aseguran que a ausencia do PP "segue a liña ditada polo director xeral de suspensión de diálogo coa parte sindical, despois da protesta na redacción contra a manipulación informativa que se fixo no caso das escandalosas escoitas do ministro de Interior en funcións, a pasada semana, que non se emitiron na cadea pública". 

A ausencia do PP "segue a liña ditada polo director xeral de suspensión de diálogo coa parte sindical", advirten

"Dende o Comité Intercentros valoramos este desprezo como unha falta moi grave á representación sindical, ao das traballadoras e traballadores da corporación e ao mesmo órgano", sinalan nun comunicado no que acusan o PP de levar a cabo un "uso partidista" do Consello cuxo "obxectivo" é, afirman, "demorar ao máximo a creación dun órgao como pode ser o Consello de Informativos"

Desde o PSOE, que si fixo parte do encontro, aseguraron que levarán ao Pleno do Consello as demandas do comité onde exixirán que se "axilicen ao máximo os prazos".