Repunta a detección de positivos, 328, ao aumentar as PCR realizadas

(Foto: Europa Press)

A positividade sitúase en 5,8%. Descenden a 431 os hospitalizados, dos que 67 están en UCI

Os positivos por coronavirus detectados en 24 horas na Galiza aumentan após varios días estabilizados por baixo dos 250 casos diarios que marcaron os mínimos do outono. Deste modo, nas últimas horas diagnosticáronse 328 casos de Covid-19, máis dun terzo deles na área sanitaria de Vigo (115).

 Descenden a 431 os hospitalizados con por coronavirus, dos que 67 están en UCI

Así figura nos datos publicados á primeira hora desta cuarta feira na páxina web da Consellería de Sanidade con datos actualizados ás 18:00 horas da terza. Nese momento, todas as áreas sanitarias detectaran máis positivos que o día anterior agás as de Pontevedra e Lugo, onde a variación é de, respectivamente, apenas 8 e 1 caso en comparación co anterior balance.

Vigo concentra a maior parte dos casos confirmados por PCR nas últimas horas. Foron un total de 115, 46 máis que o día anterior.

A web de Sanidade tamén reflicte que nas últimas 24 horas horas leváronse a cabo 6.535 probas, 2.069 máis das que se fixeron na xornada anterior.

Así mesmo, a taxa de positividade volve repuntar unhas décimas respecto á terza feira e sitúase no 5,8%. Galiza, logo, continúa por riba do limiar do 5% que marca a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

En canto aos casos activos -persoas que aínda están diagnosticadas da enfermidade-, Galiza  mantén a súa tendencia á baixa, pois no último balance contabilízanse a 7.537, 109 menos que o martes.

No entanto, continúa subindo igualmente a cifra de mortos que deixa a crise sanitaria na Galiza, que ascende a 1.221 despois de que se notificasen 10 decesos a última hora de onte, entre eles, o dun mozo de 28 anos dun centro de discapacidade.