A repunta nos positivos aumenta os casos activos até os 1.837

Dispositivo de cribado masivo para detectar positivos por coronavirus en Expourense, nunha imaxe de arquivo (Foto: Rosa Veiga)
Os pacientes hospitalizados descenden a 53 e a taxa de positividade sobe a un 3,9%

Os novos contaxios rexistrados  de Covid-19 aumentaron a 258 en Galiza, 96 máis que a xornada anterior, e os casos activos soben por oitava xornada consecutiva e sitúanse en 1.837 no inicio de xullo -164 máis que o día pasado-, mentres que os pacientes ingresados por este coronavirus descenden lixeiramente a 53 -un menos-.

Segundo os datos publicados na mañá dest quinta feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas desta cuarta feira -30 de xuño-, recollidos por Europa Press, dez persoas seguen ingresadas en UCI pola Covid e descenden a 43 as que permanecen noutras unidades de hospitalización -unha menos-. Pola súa banda, 1.784 pacientes permanecen en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta lixeiramente nas de Ferrol e Pontevedra e O Salnés; descende na da Coruña e Cee; e mantense sen cambios nas de Ourense, Santiago e Barbanza, Vigo e Lugo.

O mes de xullo principia con 1.837 casos activos de Covid-19 tras aumentar por oitava xornada consecutiva, que supoñen 164 máis, ao haber de novo máis contaxios (258) que altas (94). Por tanto, seguen en niveis da segunda quincena de agosto do ano pasado.

Por áreas sanitarias, as infeccións activas aumentan nas sete: Pontevedra e O Salnés (+59), A Coruña e Cee (+32), Ourense (+31), Lugo (+16), Santiago e Barbanza (+12), Vigo (+12) e Ferrol (+2).

Pola súa banda, os novos contaxios de Covid-19 detectados con calquera tipo de proba, que desde o pasado xoves día 24 mantéñense por riba dos 120, disparáronse a 258 -que supoñen 96 máis que o día anterio--, despois de iniciar esta semana con 123, baixar lixeiramente a 121 a terza feira, e repuntar a 162 a xornada pasada.

No conxunto de Galiza foron confirmados 257 positivos por Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) nas últimas 24 horas, segundo os datos actualizados por Sanidade, 100 máis que a xornada pasada, dos cales 70 corresponden á área da Coruña e Cee; 62, á de Pontevedra e O Salnés; 43, á de Ourense; 28, á de Vigo; 27, á de Lugo; 16, á de Santiago e Barbanza; e 11, á de Ferrol.

En canto á taxa de positividade das PCR aumentou a un 3,9%. O  25 de xuño superou a barreira do 5% que marca a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia, limiar que non se superou desde o 15 de febreiro.

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 en toda Galiza desde o inicio desta crise sanitaria mantéñense en 2.436 ao non notificar de novo esta cuarta feira o departamento de Sanidade novas vítimas. O último óbito, notificado a segunda feira, corresponde a un home de 47 anos que se atopaba hospitalizado na Coruña.