Repunta dos novos positivos e alivio da presión asistencial

Persoal de emerxencias sanitarias desinfecta unha abulancia do 061. (Foto: Arxina).
A incidencia da Covid-19 mantense estábel sen máis indicios de mellora. 

Galicia experimentou un novo alivio da presión hospitalaria ao reducirse a 252 os pacientes Covid ingresados, o que implica 19 menos que a xornada anterior. Tamén caen os casos activos até os 2.575, moi perto do nivel de finais de agosto. Con todo, no arranque desta ponte de San Xosé, os novos contaxios rexistrados nas últimas horas soben a 188, a cifra máis alta nunha semana. Deles 172 foron detectados por PCR.

Segundo os datos actualizados hoxe pola Consellería de Sanidade, con rexistros até as 18 horas desta quinta feira, permanecen en Unidades de Coidados Intensivos 55 pacientes Covid - dous menos-  e 197 recupéranse noutras unidades -17 menos-.

Hospitalizacións

Así, na área de Ourense, seguen dous ingresados en UCI e soben a 20 os que se atopan noutras unidades de hospitalización -tres máis-; mentres que na de Santiago e O Barbanza baixan a cinco o críticos -un menos- e a 19 os doutras unidades -dous menos-.

Tamén na área de Ferrol redúcense a seis os pacientes Covid en UCI -un menos- e descenden a 14 os que están noutras unidades de hospitalización; mentres que na de Lugo baixan a catro os ingresados en UCI -uno menos- e mantéñense en 15 os doutras unidades.

Pola súa banda, na área de Pontevedra e O Salnés baixan a seis os pacientes Covid en UCI -uno menos- e mantéñense en 11 os que se atopan noutras unidades; mentres que na de Vigo soben a 12 os críticos -dous máis- e baixan a 43 os doutras unidades -catro menos-.

A área Coruña e Cee segue á cabeza en número de hospitalizados, mais baixa do centro. Atende 20 pacientes Covid en UCI, sen cambios, e 75 noutras unidades -oito menos-.

Menos casos activos máis contaxios

Os casos activos de Covid-19 volveron descender na Galiza lixeiramente até os 2.575, o que supón 11 menos que a xornada anterior. En xeral redúcense en catro das sete áreas sanitarias. Soben en Lugo, onde pasan de 205 a 210; Ourense, onde soben de 155 a 162, e en Vigo, onde aumentan en tres, até os 487.

En canto aos novos contaxios, o Sergas detectou en 24 horas 188 infeccións por coronavirus fronte as 146 da xornada anterior. A Coruña con 59 novos positivos e Vigo con 46 rexistraron as maiores deteccións. 

Falecementos

Até a data curáronse da Covid-19 na Galiza 110.601 pacientes. Pola contra, desde o inicio da pandemia faleceron 2.315 persoas diagnosticadas con coronavirus, após o últimas cinco vítimas notificadas na noitiña desta quinta feira polas autoridades sanitarias.