Repuntan a 183 os novos contaxios de Covid mentres os casos activos descenden a 2.701

Unha muller e un home camiñan portando máscara polas rúas da cidade de Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Os pacientes ingresados redúcense a 160, dos que 32 están en UCI.

Os novos contaxios de Covid-19 repuntaron a 183, que supoñen 55 máis que a xornada anterior, mentres que os casos activos descenderon a 2.701, que implican 43 menos. Pola súa banda, os pacientes ingresados por este coronavirus descenderon lixeiramente a 160, dous menos.

Segundo os datos actualizados na mañá desta quinta feira pola Consellería de Sanidade con rexistros até as 18 horas desta cuarta feira, descenden a 32 os pacientes Covid en UCI, 6 menos; e ascenden a 128 os que se atopan noutras unidades, 4 máis.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria redúcese en tres de sete -Vigo, Lugo e Pontevedra-O Salnés-; aumenta na da Coruña e Cee, e mantense nas outras tres -Ourense, Santiago-Barbanza e Ferrol-.

Os casos activos manteñen por segunda xornada consecutiva a tendencia descendente e redúcense a 2.701, que supoñen 43 menos que a xornada anterior, ao haber máis altas (226) que contaxios (183). Por áreas sanitarias, descenden nas da Coruña e Cee (-30); Pontevedra e O Salnés (-17); Ourense (-10); Santiago e Barbanza (-3) e Lugo (-1); mentres que soben lixeiramente nas de Vigo (+14) e Ferrol (+4).

Con respecto aos contaxios de Covid-19 detectados mediante calquera tipo de proba, repuntaron a 183, tras iniciarse esta semana con 107; subir a 116 a terza feira e a 128 a cuarta.

Deles, 167 foron positivos confirmados por PCR nas últimas 24 horas -59 máis que a xornada anterior-:84 na área de Vigo; 25 na de Pontevedra e O Salnés; 21 na da Coruña e Cee; 16 na de Santiago e Barbanza; 14 na de Ourense; 11 na de Lugo; e seis na de Ferrol.

Pola súa banda, a taxa de positividade -porcentaxe de infeccións por test PCR realizados- mantense en 3% -en concreto nun 3,18%- tras subir ao 3,4% a xornada anterior. Por iso, continúa por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia. 

As persoas falecidas diagnosticadas de Covid-19 na Galiza son 2.409 ao non notificar esta cuarta feira a Consellería de Sanidade novos óbitos.