Repuntan os contaxios de Covid mentres segue a baixar a presión hospitalaria

(Foto: Europa Press)

O descenso dos casos activos retárdase e caen a 2.440 mentres que a taxa de positividade aumenta lixeiramente a un 2,2%.

Os contaxios de Covid-19 subiron na Galiza a 162 ás portas da Semana Santa, case unha trintena máis que a xornada anterior, mentres que a presión hospitalaria segue coa tendencia descendente e baixan a 223 os pacientes ingresados, o que supón 14 menos.

Segundo os datos actualizados esta quinta feira pola Consellería de Sanidade con rexistros até as 18:00 horas desta cuarta feira, redúcense a 36 os pacientes Covid ingresados en UCI -3 menos-- e descenden a 187 os que permanecen noutras unidades -11 menos-.

Esta xornada descenden os hospitalizados nas 7 áreas sanitarias galegas, coa de Ferrol cun maior alivio.

En canto aos casos activos de Covid-19, reducíronse lixeiramente a 2.440, o que supón sete menos que a xornada anterior, polo que se retarda a tendencia descendente e as cifras mantéñense como a finais de agosto.

Os casos activos baixan en catro do sete áreas sanitarias -A Coruña, Ourense, Santiago e Barbanza e Ferrol-, mentres que seguen igual que a xornada anterior na de Pontevedra-O Salnés e soben lixeiramente nas de Lugo e Vigo.

Polo seu lado, os novos contaxios detectados con calquera tipo de proba repuntan a 162, tras principiar a semana con 103.

En concreto, nas últimas 24 horas confirmáronse na Galiza 157 positivos con PCR, o que supón 33 máis que os contabilizados a xornada anterior.

En canto á taxa de positividade -porcentaxe de infeccións por test PCR realizados- aumentou lixeiramente a un 2,2. Así, seguimos por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) sinala para dar por controlada a pandemia.

Desde o inicio da pandemia Galza rexistrou 2.329 falecidos diagnosticados con Covid-19, despois de notificar a Consellería de Sanidade esta cuarta feiras a morte doutro catro vítimas.