Os novos contaxios de Covid repuntan a 100 e ascenden a 844 os casos activos

Picada da vacina a un mozo no Estado. (Foto: Jorge Gil / Europa Press)
Os pacientes hospitalizados aumentan a 42.

Os novos contaxios de Covid-19 repuntaron a 100 no conxunto da Galiza, que supoñen 26 máis que a xornada anterior, e os casos activos ascenden a 844 -implican uns 300 máis que hai unha semana-, mentres que os pacientes hospitalizados por este coronavirus soben a 42 -tres máis-.

Segundo os datos publicados na mañá desta cuarta feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas desta terza feira, aumentan a 12 as persoas ingresadas en UCI pola Covid -dúas máis- e a 30 as hospitalizadas noutras unidades -unha máis-, mentres que 802 pacientes atópanse en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias a presión hospitalaria aumenta en catro das sete: A Coruña-Cee, Ourense, Lugo e Ferrol; alíviase nas de Santiago-Barbanza e Pontevedra-O Salnés -a única sen hospitalizados -, mentres que se mantén sen cambios na de Vigo.

Os casos activos de Covid-19 aumentan por décima xornada consecutiva até os 844, que supoñen 46 máis que o día pasado ao haber máis contaxios (100) que altas (54).

En concreto, as infeccións activas ascenden en seis de sete áreas sanitarias galegas, coa da Coruña e Cee á cabeza (+24), seguida das de Pontevedra e O Salnés (+9), Ourense (+7), Santiago e Barbanza (+3), Lugo (+3) e Vigo (+3), mentres que descenden unicamente na de Ferrol (-3).

Os novos contaxios de Covid repuntan a 100 no conxunto de Galiza, que representan 26 máis que os 74 da terza feira, tras comezar esta semana con 54. A cuarta feira anterior rexistráronse 37. Até o momento, o 11 de outubro rexistráronse 14, a cifra máis baixa desde que Galiza entrou en niveis de 'nova normalidade'.

En canto á taxa de positividade das probas PCR -número de infeccións detectadas cada 100 test-, ascende lixeiramente ao 2,42%, após situarse no 2,19% o día anterior, despois de iniciar esta semana cunha caída ao 1,56%.

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio desta pandemia en Galiza mantéñense en 2.655, ao non notificar esta terza a Consellaría de Sanidade ningunha vítima.