Rescatada unha nena de nove anos dun cantil a dez metros de altura na praia das Catedrais

Praia das Catedrais, en Ribadeo. (Foto: Alessandro Calzolaro)
A manobra de rescate, "sinxela" en termos operativos segundo os efectivos do servizo de emerxencias pero tamén "delicada" polo punto da parede en que se achaba a menor, levouse a cabo sen maiores complicacións.

Efectivos do Parque de Bombeiros de Barreiros (A Mariña) participaron este domingo no rescate dunha nena de nove anos que quedou illada sobre unha repisa dun cantil situada a uns dez metros de altura na praia das Catedrais, no termo municipal de Ribadeo.

Unha chamada á central do 112 arredor das 17 horas permitiu mobilizar os servizos de emerxencias. Catro efectivos do corpo de Bombeiros, así como axentes da Policía Local de Ribadeo e da Garda Civil, acudiron á coñecida praia mariñá constatando que a nena estaba atrapada nunha zona de difícil acceso.

A manobra de rescate da menor produciuse desde a parte superior do cantil, unha zona restrinxida ao público desde hai anos para evitar a erosión do sistema rochoso. Auxiliala desde o areal, explicaron a Europa Press desde o Consorcio de Bombeiros, obrigaría os servizos de emerxencias a escalar pola parede até acceder ao lugar no que se atopaba a nena, o que incrementaría os tempos do rescate.

Axudándose de cordas para descender algúns metros desde a cornixa e evitar o risco real de caída, os bombeiros procederon a liberar a menor pola parte alta do cantil, ante a mirada expectante das decenas de visitantes que se congregaban a esa hora na praia agardando a baixamar para poder percorrer o areal.

"Estaba un pouco nerviosa"

A nena, que se atopaba xogando sobre as rochas, aproveitaría un descoido dos seus pais para comezar a subir polo cantil até quedar bloqueada nunha repisa a uns dez metros de altura, sen posibilidade de continuar ascendendo nin tampouco de regresar á area.

A manobra de rescate, "sinxela" en termos operativos segundo os efectivos do servizo de emerxencias pero tamén "delicada" polo punto da parede en que se achaba a menor, levouse a cabo sen maiores complicacións e a nena, que "estaba un pouco nerviosa", puido regresar cos seus pais "en bo estado de saúde".

A praia das Catedrais é desde hai anos un dos monumentos naturais máis visitados da Galiza, cunha media de afluencia en temporada alta —especialmente as fins de semana— duns 4.800 turistas ao día.