Rescatado un home que se precipitou a unha zona rochosa desde varios metros de altura na Coruña

Imaxe de arquivo do paseo marítimo da Coruña.
O incidente ocorreu este domingo nas proximidades do paseo marítimo da cidade.

Efectivos de emerxencias rescataron este domingo un home que se precipitou a unha zona de rochas, desde varios metros de altura, situada no paseo marítimo da Coruña. Segundo informou o CIAE 112-Galiza, o incidente ocorreu pasadas as 10.30 horas, cando o propio persoal sanitario alertou do ocorrido e solicitou efectivos para levar a cabo o rescate da persoa ferida, que caeu a unha zona de difícil acceso, malia que permanecía consciente.

Desde o 112 alertouse a Bombeiros da Coruña, Policía Nacional e Protección Civil. Os bombeiros tiveron que facer uso dun guindastre e cordas para rescatar a esta persoa que, unha vez no paseo, foi atendida polo persoal sanitario.

Incendio nun edificio de Ribeira

Por outra parte, o 112-Galiza tamén informou dunha intervención nunha casa deshabitada de Ribeira (Barbanza) onde se declarara un incendio, aínda que sen que se rexistrasen persoas feridas. Un particular avisou a Emerxencias pasadas as 2 horas da madrugada deste suceso, na Avenida de Romero Ortiz.

O inmóbel acabou calcinado, mais o lume, con todo, non afectou outras vivendas habitadas que había nas proximidades. O edificio, de dúas alturas, estaba en mal estado de conservación e colapsou por completo.

Os servizos de Emerxencias tiveron que cortar a rúa para realizar os labores de extinción, pero non puideron acceder ao interior da casa debido ao risco de derrubamento. Os bombeiros lograron extinguir o lume contra as 5 horas. No operativo participaron Bombeiros de Ribeira e Boiro, efectivos de Policía Nacional e Policía Local, e tamén foron postos sobre aviso, como medida preventiva, efectivos de Urxencias Sanitarias-061.

Tres feridos nun accidente múltiple en Ribadumia

Tres persoas tiveron que ser evacuadas a un centro sanitario tras un accidente de tráfico ocorrido no municipio de Ribadumia (O Salnés) no que se viron implicados tres vehículos. Segundo informou o CIAE 112-Galiza, sucedeu na noite deste domingo, no quilómetro 4 da PO-300, á altura da parroquia de Lois.

Varios particulares avisaron do accidente e relataron que unha das persoas implicadas sufrira unha indisposición debido a un problema médico e que ficaba inconsciente. As testemuñas tamén indicaron que as persoas feridas non podían saír dos coches. Os servizos de emerxencias colaboraron para retirar a unha das persoas do seu vehículo, mentres que as outras xa se liberaron por si mesmas. O persoal sanitario trasladou os tres feridos ao hospital.