Xustiza

Un rescatador de Gardacostas denuncia a Xunta e Avincis por "delito contra a seguridade" e "prevaricación"

Imaxe de arquivo dun operativo de Gardacostas.
O traballador presentou a querela penal após unha nova incidencia nun helicóptero.

Un rescatador da base de Gardacostas de Celeiro, no Concello de Viveiro —comarca da Mariña— vén de interpor nos xulgados de Lugo unha demanda penal contra a Xunta da Galiza e Avincis —antes Babcock International, adxudicataria e encargada de operar e manter os dous helicópteros de Gardacostas—. Na denuncia, á que tivo acceso Nós Diario, este nadador de rescate con máis de 13 anos de servizo, considera que a Xunta e a adxudicataria incorren en posíbeis delitos "tipificados nos artigo 316 e 404 do Código Penal: delito contra a seguridade e saúde no traballo, e prevaricación".

A orixe desta denuncia penal está nunha nova incidencia a bordo dun dos helicópteros de salvamento e rescate do servizo de Gardacostas. O pasado 9 de xuño, segundo consta na denuncia, durante unha misión de adestramento enganchouse ao fuselaxe da aeronave o cable da "única grúa do helicóptero que presta servizo na base de Viveiro", poñendo en serio risco a seguridade do rescatador. O denunciante indica que, segundo o punto 2.8.2 do prego de condicións asinados entre a Xunta e Avincis, nos helicópteros debe de haber unha "grúa de rescate auxiliar".

Mais a aeronave de Gardacostas carece deste elemento obrigatorio "malia os continuos requirimentos efectuados" por parte de persoal e sindicatos para que se doten dese elemento. A ausencia desta grúa auxiliar, afirma o rescatador, pon "en risco a situación dos traballadores", en casos de incidencias como a do pasado día 9.

Omisión do incidente no informe

Ademais, e segundo se recolle na propia denuncia presentada nos Xulgados de Lugo, "omitiuse no informe oficial de servizo do día [en referencia á xornada do 9 de xuño] calquera mención ao incidente", malia que "o informe do operador de grúa do servizo si corrobora o sucedido".

Para o denunciante existe "unha infracción das normas sobre prevención de riscos laborais", ao tempo que se dá unha "non facilitación dos medios necesarios para que os traballadores e traballadoras desenvolvan a súa actividade coas medidas de seguridade adecuadas". Isto deriva, considera o responsábel da denuncia, nun "perigo grave para a vida, a saúde ou a integridade física" do persoal da base da Mariña.

"Delito continuado"

Neste contexto, a Xunta da Galiza —"que ten constancia desde o ano 2020 de que Avincis (antes Badcock) está incumprindo o prego" de condicións— estaría a incorrer para a persoa denunciante nun "delito continuado de prevaricación por omisión", tipificado no Código Penal.