Rescatados en bo estado os 10 tripulantes dun pesqueiro que embarrancou en Burela

(Foto: Salvamento Marítimo)
O capitán marítimo de Burela, Fernando Otero, asegurou que o patrón do ' Virxe dos Milagros', atópase en "shock".

Os dez tripulantes do barco pesqueiro 'Virxe dos Milagros' foron rescatados na madrugada desta quinta feira "sans e salvos" tras embarrancar nunha zona de rochas no concello de Burela, na comarca da Mariña

Así o informou o 112 Galiza, que indicou que un pesqueiro rescatou a oito do dez mariñeiros da embarcación accidentada e trasladounos até o peirao da fábrica de xeo de Burela.

Pola súa banda, os outros dous (capitán e mecánico) foron rescatados e trasladados polo helicóptero 'Pesca 2' do Servizo de Gardacostas até o Hospital de Burela. Ningún dos mariñeiros precisou asistencia sanitaria, engadiron as mesmas fontes.

O capitán marítimo de Burela, Fernando Otero, asegurou que o patrón do ' Virxe dos Milagros' atópase en "shock", aínda que "está ben", tras este sinistro. Otero precisou que o barco, un cerqueiro, navegaba pola zona, en busca dalgún banco de peixe. "E non sabemos o que pasou, o barco colleu un rumbo de varada ata que varou". "O barco quedou embarrancado nunha zona de pedras, sen danos, o mar estaba ben. Agora téntase reflotalo", explica.

Este incidente sucedeu sobre as 1:30 horas desta quinta feira. Persoal da aeronave do Servizo de Gardacostas comunicou a esa hora ao 112 a súa saída por mor dun barco encallado en Burela.

Con estes datos e despois de contactar co persoal de Salvamento Marítimo e de Gardacostas, os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecemento da Garda Civil.

Con todo, após ser rescatados, o persoal de Salvamento confirmou o seu bo estado de saúde. Ademais, indicaron que o pesqueiro quedara encallado nas rocas.