Rescatan o cadáver dunha muller en augas do porto de Vigo

Imaxe de arquivo do porto vigués. (Foto: Porto de Vigo)
O corpo non presentaba signos de violencia e podería levar varios días no mar.

Efectivos do corpo de bombeiros de Vigo rescataron na madrugada desta cuarta feira o corpo sen vida dunha muller en augas do porto da cidade olívica, se ben fontes policiais precisaron que o cadáver non presentaba signos de violencia.

A central de emerxencias do 112-Galiza informou de que un particular trasladou o sucedido sobre as 00.40 horas desta pasada noite, alertando de que vía o corpo desta persoa flotando na auga.

Desde o 112 deron aviso a Salvamento Marítimo, Servizo de Garcostas, 061 e Bombeiros de Vigo, que foron quen rescataron o corpo facendo uso dunha embarcación. Tamén foi informada a Autoridade Portuaria de Vigo, a Policía Nacional, Policía Local, Garda Civil e Protección Civil.

Membros dos equipos de Policía Xudicial e Policía Científica investigan as circunstancias do falecemento, e fontes citadas pola axencia Europa Press apuntaron que o cadáver podería levar varios días no mar.