Rescatan o corpo dun home nas proximidades da ponte nova da N-540, sobre o río Miño, en Lugo

Ponte nova sobre o río Miño en Lugo. (Foto: FCC)

Un particular deu o aviso ao 112

Os Bombeiros rescataron do río o corpo dun home nas proximidades da ponte nova da N-540 en Lugo.

Segundo informou o 112, na zona activouse un operativo coordinado polas forzas da orde despois de recibir o aviso dun alertador particular.

O servizo tivo constancia do sucedido a través de axentes da Policía Local, dez minutos despois das 10.30 horas. Un particular contactara con eles para informar de que pensaba que unha persoa acababa de caer ao río desde a ponte nova da N-540.

De inmediato, activouse un amplo operativo no que participaron Urxencias Sanitarias da Galiza-061, axentes da Policía española, da Garda Civil e da Policía Local, os Bombeiros e os voluntarios de Protección Civil de Lugo.

Foron os Bombeiros, que rastrexaron a zona a bordo dunha embarcación, os que localizaron o corpo nas augas do río Miño.

Pola súa banda, os servizos sanitarios, desprazados en ambulancia, confirmaron finalmente o falecemento do implicado.

Nestes momentos, as forzas da orde investigan as circunstancias do suceso.