Rescatan o corpo sen vida dun home no interior dun coche que caeu ao mar en Viveiro

Vista aérea do porto de Celeiro, en Viveiro. (Foto: Nós Diario)
O accidente produciuse esta madrugada e, cando chegaron os operarios de salvamento, o home, nado en 1990, xa falecera.

Un grupo de mergulladores da Garda Civil vén de rescatar o corpo sen vida dun home, nado en 1990, que se atopaba no interior dun coche que caeu ao mar no porto deportivo de Celeiro, en Viveiro (comarca da Mariña).

Segundo trasladou a central de emerxencias do 112-Galiza a través da súa conta de Twitter, o operativo iniciouse ás 3.30 horas desta madrugada, cando os voluntarios de Protección Civil deron a voz de aviso pola caída dun turismo á auga no porto de Celeiro.

Por mor da alerta, a central de emerxencias activou un dispositivo no que participaron, ademais da Garda Civil, os Bombeiros de Viveiro, o GES de Cervo, Policía Local, Gardacostas da Galiza, Salvamento Marítimo e Urxencias Sanitarias-061.

O primeiro paso do operativo foi certificar que no interior do coche estaba atrapada unha persoa, para o que foi necesaria a intervención de mergulladores e rescatadores de Gardacostas da base do Pesca II. Tras comprobar que no habitáculo había un home que xa falecera, os profesionais do Grupo Especial de Actividades Subacuáticas (GEAS) da Garda Civil iniciaron as tarefas para recuperar o corpo, que lograron rescatar á primeira hora desta sexta feira.

Segundo confirmaron fontes do operativo, o falecido é un home nado no ano 1990, é dicir, duns 33 anos de idade. A Policía Nacional xa abriu unha investigación para esclarecer as causas do suceso.