Rescatan o corpo sen vida dun pescador perto do encoro de Vilagudín, en Ordes

Encoro de Vilagudín, en Ordes. (Foto: Google)
Ao ver que tardaba en volver á casa, os seus familiares achegáronse á zona e localizaron o seu vehículo, pero ningún sinal do home, polo que alertaron a Emerxencias.

Os efectivos de emerxencias rescataron o corpo sen vida dun home perto do encoro de Vilagudín, en Ordes (comarca homónima), onde acudira a pescar, segundo informaron fontes da central do 112-Galiza.

Os feitos ocorreron na tarde desta terza feira, cando os familares do falecido alertaron de que, sobre as 19 horas, o home saíra da súa casa para ir pescar na contorna da área recreativa de Vilagudín.

Ao ver que tardaba en volver, achegáronse á zona e localizaron o seu vehículo, pero ningún sinal do home, polo que alertaron a Emerxencias. Os feitos foron postos en coñecemento do 061, Bombeiros de Ordes e Garda Civil.

Finalmente, o cadáver foi localizado a uns 60 metros da beira e os bombeiros puideron recuperalo do río. Os profesionais sanitarios só puideron confirmar a súa morte e fontes da Garda Civil confirmaron que o corpo non presentaba signos de violencia.