Rescatan da auga o corpo sen vida dun home de 61 anos no porto de Vigo

Central de emerxencias do 112 Galiza (Foto: 112).
Fontes da Policía indicaron que o falecido é un home de 61 anos de idade, que ía vestido e documentado e que non presentaba signos aparentes de violencia, "sendo posíbel que se tratase dun accidente".

Os servizos de emerxencias rescataron da auga o corpo sen vida dun home de 61 anos no porto de Vigo. En concreto, segundo informa o 112 Galiza, foron os bombeiros da cidade olívica os encargados de sacar do mar a este home, que foi achado na zona do Berbés.

Tras recibir a alerta por parte do centro do control do porto sobre as 20.20 horas da tarde desta cuarta feira, o 112 solicitou a colaboración dos servizos de urxencias sanitarias 061, da Policía, da Garda Civil e dos bombeiros, que trasladaron o cadáver a terra. Tamén se advertiu a Salvamento Marítimo e ao Servizo de Gardacostas da Galiza.

Na actualidade, trátase de esclarecer as circunstancias do suceso. Fontes da Policía indicaron que o falecido é un home de 61 anos de idade, que ía vestido e documentado e que non presentaba signos aparentes de violencia, "sendo posíbel que se tratase dun accidente".