A reserva hídrica da Galiza mantense a 65% da súa capacidade

Encoro de Belesar, entre os concellos de Chantada e O Saviñao (comarcas da Ribeira Sacra e Terra de Lemos). (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Na vertente Atlántica as precipitacións foron moi escasas durante as últimas semanas

A reserva hídrica no Miño-Sil e Galicia Costa rolda 65%, segundo datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco).

En concreto, na conca do Miño-Sil está a 65,6% da súa capacidade e na de Galiza Costa a 64,5%. O informe destaca, ademais, que as precipitacións foron moi escasas na vertente Atlántica e, a nivel estatal, practicamente nulas na vertente Mediterránea.

A práctica total ausencia de choivas durante a última semana acelerou a caída da reserva de auga, que baixou 1,2% ata situarse en 39,9% en todo o Estado español.

As cifras reflicten que nestes momentos os encoros gardan 1,9% máis auga que nas mesmas datas do ano pasado pero 15,6% menos que a media de auga embalsada nos últimos dez anos.

No caso da Galiza, no Miño-Sil, cunha capacidade de 3.030 hm3, a auga embalsada é de 1.988 hm3 fronte aos 1.511 do ano anterior. Na de Galiza Costa, con capacidade total de 684, está a 441, fronte aos 410 do ano anterior.

Prealerta por seca

A escaseza de chuvias e as baixas reservas de auga nas últimas semanas levou a Augas da Galiza, entidade dependente da Xunta da Galiza, a activar a prealerta por escaseza de auga no sistema do río Mero, de Arteixo e da comarca da Coruña, na bacía do Anllóns e no subsistema de Baiona.

Se ben a situación da Galiza non é tan preocupante como noutros puntos da península Ibérica, son varios os concellos galegos que xa instauraron medidas para controlar o gasto de auga e para evitar avanzar apresuradamente a outros escenarios. Entre eles, A Coruña, Culleredo, Arteixo e Oleiros, na comarca da Coruña.

Tamén Alfoz, Ourol, Xove e Barreiros, na Mariña, emitiron bandos solicitando a colaboración da veciñanza e avanzando medidas como a prohibición do uso de auga da traída para regar xardíns, encher piscinas ou limpar vehículos.

Unha situación, a da escaseza de auga, que se ve agravada naqueles concellos que ven multiplicada a súa poboación durante a temporada estival pola chegada de turistas.