As reservas de sangue Cero negativo na Galiza, baixo mínimos

Local de doazón no Hospital Nicolás Peña de Vigo. (Foto: Nós Diario)
A Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue lembrou que a actividade dos hospitais galegos necesita unhas 500 doazóns ao día.

No medio das festas do Nadal e ás portas da ponte de Fin de Ano, as reservas de sangue na Galiza non pasan por bos datos, con falta de todos os grupos a excepción do A negativo e do AB positivo, que están en niveis normais.

Pola contra, os niveis de reserva son "críticos" para o grupo cero negativo e baixos para todos os demais -A positivo, Cero positivo, B positivo e negativo e AB negativo-.

500 doazóns ao día

A Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue lembrou que a actividade dos hospitais galegos necesita unhas 500 doazóns ao día.

O incremento de accidentes de tráfico durante épocas festivas, así como o desprazamento de doantes habituais, fan necesario intensificar o chamamento ao conxunto da poboación para que acuda a doar aos centros de ADOS ou ás súas unidades móbiles.