Xustiza

Unha resolución do Tribunal de Xustiza da UE abre a porta a anular o proxecto de celulosa de Altri na Ulloa

Metalurxia de Tarento, na rexión de Apulia, nas beiras do mar Xónico, no sur de Italia, sobre a que se pronunciou o TXUE. (Foto: Wikipedia).

O Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) acaba de concretar os termos da aplicación da normativa comunitaria en materia de emisións industriais, en relación cunha cuestión prexudicial presentada por un xulgado de Milán sobre a metalúrxica de Tarento e que tería efecto sobre a instalación de Altri.

O 25 de xuño, o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) resolveu unha cuestión prexudicial sobre o alcance da Directiva 2010/75/UE sobre emisións industriais (prevención e control integrado da contaminación). A consulta, formulada por un tribunal da cidade italiana de Milán, reclamaba unha interpretación a respecto dos criterios a seguir á hora de outorgar autorizacións de actividade a proxectos industriais, co fin de clarificar a normativa a aplicar en todo o espazo da Unión Europea.

O tribunal preguntaba ao TXUE sobre se os Estados, para outorgar unha licenza de actividade a unha industria, “deben considerar en todos os casos todas as substancias obxecto de emisións que fosen estabelecidas cientificamente como prexudiciais, incluídas as fraccións de PM 10 e PM 2,5 en calquera caso procedentes da instalación obxecto de avaliación, ou ben procede interpretar a Directiva no sentido de que a autorización ambiental integrada (a medida administrativa de autorización) unicamente debe incluír as substancias contaminantes previstas a priori debido á natureza e ao tipo de actividade industrial desenvolvida?”.

A posición do TXUE

A resposta da máis alta instancia xudicial da UE, cuxas resolucións son de obrigado cumprimento para os Estados membros, sinala que “a efectos da expedición ou da revisión dun permiso de explotación dunha instalación en virtude da referida Directiva, a autoridade competente debe ter en conta, ademais das substancias contaminantes previsíbeis á luz da natureza e do tipo de actividade industrial de que se trate, todas aquelas que sexan obxecto de emisións cientificamente recoñecidas como nocivas que poidan ser emitidas pola instalación, incluídas as xeradas por esa actividade que non fosen avaliadas no procedemento de autorización inicial desa instalación”.

A resolución fixa nos seu fundamentos de dereito que a Directiva 2010/75/UE “estabelece que [para una autorización industrial] a solicitude de permiso debe conter unha descrición do tipo e da magnitude das emisións previsíbeis da instalación aos diferentes medios, así como unha determinación dos efectos significativos das emisións sobre o medio ambiente” e “unha descrición das medidas previstas para controlar as emisións ao medio ambiente”. Ao tempo, determina que “o permiso debe estabelecer valores límite de emisión non só para 13 substancias á atmosfera e outras tantas á auga (figuran no anexo II da Directiva) senón tamén para outras substancias que poidan emitirse pola instalación”.

O proxecto da multinacional portuguesa Altri para conseguir as autorizacións administrativas para erguer unha celulosa en Palas de Rei, na comarca da Ulloa, incumpre as disposicións fixadas polo TXUE en relación coa Directiva 2010/75/UE para a prevención e control integrado da contaminación das emisións industriais. De feito, o Estudo de Impacto Ambiental (EIA) non recolle ningunha referencia ás partículas PM 2,5, malia que a instancia xudicial comunitaria obriga a “ter en conta polo menos todos os contaminantes tratados no informe final de avaliación dos prexuízos para a saúde (...) así como as partículas PM 2,5 e PM 10 de fontes difusas e de verteduras canalizadas”.

O proxecto de Altri

Un dos máximos especialistas en emisións na Galiza e autor da primeira tese de doutoramento sobre a choiva ácida, o doutor en Bioloxía e Botánica Ramón Varela, sinala a Nós Diario que “o proxecto presentado por Altri só contemplou e cuantificou  catro substancias contaminantes á atmosfera, concretamente fai referencia ás partículas PM 10, óxidos de nitróxeno, óxidos de xofre e emisións de xofre total reducido (TRS). Non cuantificou nin determinou os efectos ambientais de partículas finas PM 2,5, do dióxido de carbono, do monóxido de carbono ou dos compostos orgánicos volátiles”.

"Á luz desta resolución do TXUE está claro que Altri incumpre os mandatos da Directiva 2010/75/UE e tería que adaptarse a esta resolución tanto no referente á atmosfera como á auga”. Neste punto, salienta que “transcorrido case un mes desde a súa emisión, a Xunta da Galiza debería aclarar cal é a súa decisión ao respecto, se está ao lado de Altri ou quere aceptar a sentenza".

As cuestións de legalidade

Carlos Aymerich, profesor da área de Dereito Público na Universidade da Coruña (UDC), explica a Nós Diario que “a resolución obriga a Xunta da Galiza a valorar todas as substancias contaminantes que vai emitir Altri e non só as recollidas no anexo II da Directiva. Ao tempo, deixa claro que non se pode autorizar unha fábrica nova cando no seu Estudo de Impacto Ambiental non se recollan todas as emisións que teñan un impacto significativo no ambiente”.

O profesor de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Fernando de Abel sinala a Nós Diario que “a relevancia da decisión queda fóra de toda dúbida, pois impón que nos procedementos de avaliación ambiental deben considerarse non só as substancias contaminantes previsíbeis, senón tamén as non previsíbeis. En consecuencia, a non consideración destas últimas en relación cun determinado proxecto, contravirá o dereito da Unión Europea”, engade.

Ulloa Viva, disposta a ir aos tribunais para parar a celulosa

A voceira da Plataforma Ulloa Viva, Marta Gontá, lembra a Nós Diario que “no seu Estudo de Impacto Ambiental Altri oculta moitas das emisión e efectos que a macrocelulosa tería na contorna, tamén as partículas finas, ou as PM 2,5 que se emitirán pola celulosa, así coma compostos derivados do nitróxeno, óxido sulforoso, e outros compoñentes que se producirán na celulosa de Altri”. Nesta dirección, apunta que “o grupo de expertos de saúde da plataforma ten alertado de que estas emisións supoñen un risco laboral para os futuros traballadores e para a xente que habitará a contorna.

Gontá, que abre a porta a acudir aos tribunais para paralizar a celulosa, desvela que “a neurocientífica Sonia Villapol neumólogos e outros expertos en saúde téñenos alertado xa de que estas partículas finas PM 2,5 poden afectar aos pulmóns, ao corazón e están fortemente asociadas ao dano cerebral”. A este respecto, destaca que “con estes datos e os que coñecemos dos recursos que precisan e os residuos que devolverían á contorna, a  plataforma ten claro que hai que parar o proxecto, que a Xunta da Galiza ten que exercer a súa responsabilidade coma Goberno, defender á xente e non aos intereses económicos dunha empresa. E senón verémonos nos tribunais onde alguén vai ter que responder por este atentado medioambiental, socioeconómico e contra a saúde”

Os riscos para a saúde

Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico sinala que "os contaminantes do aire máis importantes en termos de perigo para a saúde humana" son aquelas de "un diámetro aerodinámico igual ás 10 micras, ou inferior, xa que poden ser inhaladas e penetrar así no sistema respiratorio". As de menor tamaño, de 2,5 micras de diámetro, ou inferior, é dicir, as PM 2,5, "poden mesmo alcanzar os alvéolos pulmonares, o que lles permite levar substancias nocivas a zonas moi sensíbeis e agravar patoloxías que poden conducir mesmo a unha morte prematura". Así, pon de manifesto que "as partículas (en especial as PM2,5) poden estar implicadas no incremento da mortalidade e da morbilidade por causas respiratorias e cardiovasculares".

A evidencia científica actual indica que os efectos negativos da contaminación do aire sobre a saúde das persoas prodúcense a niveis moi por baixo do que se pensaba hai quince anos e por iso a Organización Mundial da Saúde (OMS) actualizou en 2021 os niveis guía para a protección da saúde das persoas, cuxas últimas cifras databan de 2005. Así, a respecto do nivel máximo anual recomendado de partículas PM 2,5 pasou dos 10 mg/m³ aos 5 mg/m³.