A restrición da xustiza universal no Estado español deixa impune o asasinato de José Couso

O cámara José Couso, días antes de ser asasinado en Iraq polas Forzas Armadas dos EUA (Foto: Telecinco).
José Couso foi asasinado en 2003 en Iraq por un disparo dun carro de combate dos Estados Unidos contra o hotel no que se atopaba en Bagdad.

O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) rexeitou esta quinta feira o último recurso da familia do cámara galego José Couso, asasinado en 2003 en Iraq por un disparo dun carro de combate dos Estados Unidos contra o hotel no que se atopaba en Bagdad, e avalou o arquivo do caso por parte da Xustiza española.

O tribunal ditou de forma unánime na sentenza que o arquivo do caso no Estado español tras a reforma da xurisdición universal non supón unha violación do dereito a un xuízo xusto nin o respecto dos Dereitos Humanos, tras o carpetazo do ano 2015.

Así, sostivo que os motivos presentados para xustificar a reforma foron "lexítimos" e recalcou que "non houbo nada arbitrario ou manifestamente pouco razoábel" na limitación dos litixios aos casos nos que houbese unha ligazón "suficiente" co Estado.

Por iso, recalcou que "non houbo violación do dereito ao acceso aos tribunais, dentro do significado do Artigo 6 da Convención", nunha sentenza que foi descrita como "unha decepción" polo despacho de avogados Rede Xurídica, que leva a defensa da familia do cámara galego asasinado.

"A ninguén se lle escapa que vivimos tempos de absoluto desprestixio do Dereito Internacional Humanitario, e a sentenza ditada hoxe polo TEDH é filla destes tempos", salientou o despacho, antes de agregar que "ningún Goberno do mundo quere que se aplique de maneira eficaz a IV Convención de Xenebra".

A familia de Couso presentou en decembro de 2019 un recurso ante o TEDH para tratar de reactivar o caso e co obxectivo de "buscar o respaldo ante a violación dos Dereitos Humanos e a perda de protección ante as modificacións da lexislación española".

Con esta reforma da lei refírense á restrición da xustiza universal e o que denunciou a familia ante o tribunal con sede en Estrasburgo é que esta circunstancia privouna " da posibilidade de articular un recurso efectivo que permita a investigación e axuizamento do crime". "Non existe actualmente ningunha posibilidade de que o mesmo sexa axuizado, polo que quedará impune", sinalou no seu recurso.

O asasinato en Iraq

Couso morreu polo disparo dun carro de combate contra o Hotel Palestina de Bagdad (no que se aloxaban numerosos xornalistas) durante a invasión do país en 2003, suceso que se saldou ademais co falecemento do xornalista ucraíno Taras Prostiuk.