A baixa visibilidade por mor do clima dificulta os labores de busca da avioneta desaparecida en Zamora

Un hidroavión participa na extinción do incendio de Boiro. (Foto: Arxina / Arquivo Nós Diario)
O último contacto co piloto foi ás 19.15 horas desta cuarta feira.

O subdelegado do Goberno estatal en Zamora, Ángel Blanco, vén de afirmar que as tarefas de busca da avioneta anti incendios desaparecida desde a tarde desta cuarta feira após despegar de Sober céntranse no triángulo formado polas provincias de León, Zamora e Ourense.

A avioneta, un monopraza Thrush 710P con matrícula EC-MXL, achábase realizando un voo de traslado desde as 11.35 horas entre a base de Doade (Sober) e a de Córdoba, segundo informou a compañía á que pertence.

Blanco confía que o dispositivo de procura posto en marcha "dea os seus froitos cando antes" para localizar o piloto e a avioneta, que ao sobrevoar a provincia de Salamanca decidiu volver "debido á climatoloxía".

As tarefas de busca retomáronse á primeira hora da mañá desta quinta feira. A última localización do teléfono móbil do piloto e único ocupante, natural de Andalucía, sitúa a aeronave entre os municipios zamoranos de Camarzana de Tera e Río Negro del Puente.

O último contacto coa aeronave tívose ás 12.30 horas, na zona do Piornedo, á altura de Castrelo do Val. A compañía puxo en coñecemento das autoridades o incidente de forma inmediata e activouse o operativo, coordinado pola Garda Civil e no que participa o helicóptero da Benemérita, axentes ambientais e dúas brigadas de incendios da Xunta. A preocupación máxima é localizar o piloto e atender os seus familiares.

A aeronave colabora coa Xunta na campaña de incendios, mais non se atopaba en tarefas de extinción durante o voo no que desapareceu, segundo aclarou a Consellaría do Medio Rural.

A baixa visibilidade na zona polas inclemencias meteorolóxicas dificultan os traballos de busca polo ar, segundo sinalou o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, en declaracións á Radio Galega desde o posto de mando que coordina o operativo, instalado na antiga estación de ferrocarril da Gudiña.