Reunidos os 6.000 euros para adquirir o predio Santo Estevo do Ermo e preservar na Mariña un espazo privilexiado

Eira da Xoana, Mariña Patrimonio e Irmandade Santo Estevo agradecen o apoio e compromiso cidadán para lograr reunir esta cantidade.

A Fundación Eira da Xoana, Mariña Patrimonio e a Irmandade Santo Estevo anuncian que dan por rematada a campaña de doazóns tras reunir os 6.000 euros necesarios, “grazas á xenerosidade e colaboración cidadá”, para a compra da parcela de Santo Estevo, na Mariña. A adquisición desta parcela permitirá “preservar e recuperar un espazo de grande valor natural e arqueolóxico”.

As tres entidades expresan o seu máis sincero agradecemento a todas as persoas que fixeron as súas doazóns e apoiaron esta causa. A súa colaboración “fai posíbel que este proxecto de preservación e rexeneración da fraga de Santo Estevo se converta en realidade. Grazas ao apoio recibido será posíbel traballar para devolver este eucaliptal ao seu estado orixinal de fraga autóctona”.

Ademais, “esta compra permitirá abrir novas oportunidades para o estudo e a investigación histórica. A parcela alberga un importante xacemento medieval, que inclúe os restos da antiga igrexa de Santo Estevo.

Coa adquisición desta terra, poderanse levar a cabo investigacións arqueolóxicas que permitirán coñecer máis en profundidade a nosa historia, enriquecendo así o patrimonio histórico e cultural de Barreiros, da Mariña e da Galiza”.

Un oasis de biodiversidade

"O noso interese veu de quen mellor coñece a zona, o seu valor arqueolóxico e a biodiversidade que atesoura", explicaba a mediados de mes a Nós Diario Xosé Salvadores, presidente da Fundación Eira da Xoana.

Sinalaba que Santo Estevo é un oasis de especies autóctonas cunha rica biodiversidade tanto de fauna como de flora, que inclúen fentos pouco comúns, ameazados e vulnerábeis. Ademais, na parcela atópanse os restos da antiga igrexa de Santo Estevo, o seu antigo cemiterio e as ruínas das cabanas das eremitas que habitaron a fraga.

"Este mosteiro de mulleres eremitas é un dos vestixios máis singulares que se conservan no lugar, algo diferente a todo, que ademais do valor material das ruínas ten unha grande importancia para a historia da comarca e da Galiza".

Tras formalizar a compra do terreo, o obxectivo da Eira da Xoana é "recuperar, estudar e protexer" ese espazo tamén coñecido no lugar co nome de Augas Santas. De feito, a tradición oral sitúa nesa contorna dúas fontes milagreiras: a de Santa Rosa e a do Ferro, ás que desde moi antigo acoden centos de persoas para curar diversos males. "Todo fai pensar na existencia dun lugar sagrado previo á cristianización".