GREVE ESTUDANTIL

O rexeitamento á LOMCE mestúrase con reivindicacións concretas nos campus

[Imaxe Asemblea de Folga de Vigo]

En Vigo, a Asemblea Nacional de Folga reclama a abertura dunha mesa de negociación coa Reitoría para ampliar os horarios de biblioteca e introducir melloras no transporte público. 

A xornada de folga convocada polo movemento estudantil para o 13 de abril combina o rexeitamento contra as políticas educativas implementadas nos últimos anos, através da LOMCE e a Estratexia Universitaria 2020, con "reivindicacións concretas" daquelas cuestións que atinxen a actividade cotiá dos propios campus. 

Reclaman máis prazas e maior horario de abertura na biblioteca así como un abaratamento no custe do bus urbano

Eis o caso de Vigo no que a reclamación de "máis prazas e máis horarios" nas bibliotecas xunto coa introdución de melloras no servizo de transporte urbano, centrarán as reivindicacións da greve. 

"En Vigo decidimos xuntarnos polos problemas concretos", explica Andrés González, integrante da Asemblea Nacional de Folga, un colectivo xurdido ao abeiro dos encerramentos que tiveron lugar nas Facultades de Filosofía e Ciencias da Educación en Compostela. 

Neste senso, sinalan que o Vitrassa, o autocarro municipal de Vigo, "é un dos máis caros do Estado español" polo que exixen a a creación dun "bono de estudantes" co que financiar un número de viaxes ao mes ou mesmo a introdución dun billete de 'ida e volta' que non obrigue a pagar o duplo a quen ten que facer "dúas viaxes ao día" desde o centro da cidade ao CUVI. 

Pedirán ao Reitorado a abertura dunha mesa de negociación

O ambiente na cidade olívica de cara á greve do día 13, explica Andrés González, é complexo pois "Vigo pasa por ser unha das cidades con menos movemento estudantil" en boa medida, sinala, froito da localización do propio campus universitario. Iso "complica" a convocatoria de asembleas. Así as cousas, "agardamos que sexa un éxito" en boa medida ao focar a xornada naquelas cuestións que afectan na vida cotiá ao estudantado. 

Destarte, entre "hoxe e mañá" solicitarán ao Reitorado a convocatoria dunha xuntanza na que lle expor as súas demandas e a posibilidade de abrir unha mesa de negociación.