Mobilización en Compostela contra a planta de residuos de Toysal na Casalonga
Centos de persoas participaron este domingo nunha marcha que percorreu as rúas de Compostela para exixir a paralización dun proxecto que pretende instalar "un vertedoiro encuberto" na canteira de Casalonga, no municipio coruñés de Teo, a mans da empresa de residuos industriais Toysal.
A Xunta estaría traballando durante un ano "ás agachadas" nun terceiro plan de restauración da canteira ─o primeiro e o segundo foron rexeitados por non contar con autorización ambiental─ para "uso forestal", unha afirmación que non se cre a Plataforma Casalonga Limpa de Residuos, entidade convocante.
Ademais, os participantes protestaron contra as afirmacións de titularidade privada por parte de Toysal e a Deputación dun camiño arredor da canteira que, segundo o presidente da plataforma, Jaime García, "é público".
Para demostrar a súa aseveración, parte dos manifestantes partiron ás 8,30 da mañá desde a canteira en dirección á capital galega atravesando este carreiro, nun percorrido no que "todo foron facilidades" por parte dos concellos de Teo, Ames e Compostela, apuntan desde a organización.
Pancarta na Alameda
Xa ao mediodía, concentráronse na Alameda compostelá ─ao berro de 'Toysal fóra'─ tanto as persoas que marcharon a pé desde a canteira como aquelas que decidiron subirse ao bus que habilitou a plataforma. Unha vez alí, a manifestación retomouse ás 12.30 horas en dirección ao centro histórico.
Antes do seu inicio, procedeuse á instalación dunha nova pancarta co lema 'Casalonga Limpa de Residuos, Vertedoiro Non!!', en substitución á anterior que protestaba contra a mina de Touro-O Pino.
A manifestación transcorreu pola Praza do Toural, rúa de Xelmírez e rúa da Conga, con cánticos como 'Casalonga residencial, paraíso natural', 'Lévannos a pedra e tráennos a merda' ou 'Se a canteira se explota, a xente non vos vota', para finalizar na Praza da Quintana.
Lectura de manifesto
Neste emprazamento, procedeuse á lectura dun manifesto que, entre outras cuestións, buscaba denunciar a consideración da Plataforma Casalonga Limpa de Residuos como "parte non interesada" no proceso da canteira tras varias solicitudes e a intención de Toysal de "verter 10 millóns de residuos cúbicos na lagoa".
Ademais, desde a plataforma instaron a catro institucións a parar este proxecto. En primeiro lugar, á Dirección Xeral de Minas, para que declare "a caducidade mineira" da canteira; á Dirección Xeral de Medio Ambiente, co obxectivo de que declare como "espazos naturalmente protexidos" aqueles restaurados, como é o caso da lagoa de Casalonga; ao Parlamento galego, limitando os usos do chan rústico; e finalmente, ás Cortes Xerais, para que modifique o Decreto 975/2009 sobre rehabilitación de espazos mineiros.
Para levar a cabo estas demandas, a plataforma contou co apoio doutras asociacións e organizacións, entre elas, a Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non, que conseguiu parar o proxecto de mina en Touro. Un veciña membro da plataforma afirmou que gañaron "unha batalla pero non a guerra" e que seguen "vixiantes".
Por outra banda, a plataforma veciñal de Casalonga asegurou que contan co respaldo de entidades a nivel nacional como 'Bierzo Aire Limpo' ou 'Toledo Aire Limpo', entre outras.