Rexistradas dúas agresións a persoal sanitario durante a fin de semana, ambas as dúas no Salnés

Hospital do Salnés. (Foto: Nós Diario).

En Vilagarcía e O Grove.

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés expresou esta segunda feira o seu rexeitamento ás dúas agresións ocorridas esta fin de semana cara a persoal sanitario nos PAC de San Roque, en Vilagarcía de Arousa, e do Grove, ambos os dous na comarca do Salnés.

O incidente máis destacado tivo lugar durante a garda da noite do sábado, 3 de agosto, no PAC de San Roque, en Vilagarcía, e foi necesaria a intervención de varias dotacións policiais.

Un paciente con síntomas aparentes de intoxicación etílica e alterado accedeu ao centro sanitario para ser atendido. No transcurso da asistencia, xa dentro da consulta, comezou a tratar de agredir tanto o persoal médico como o vixiante de seguridade, e a lanzarlles o material sanitario e outros obxectos que se atopaban no box.

Este usuario tivo que ser reducido polos axentes da Policía e, en primeira instancia, trasladado ao Hospital Público do Salnés polo estado no que se atopaba. O facultativo recibiu un empurrón e o persoal de seguridade, ao intervir, lesionouse nun dedo.

En canto ao incidente rexistrado no PAC do Grove, tamén nunha das gardas de noite desta pasada fin de semana, tratouse dunha agresión verbal dun paciente a unha enfermeira, o que requiriu igualmente a intervención do persoal de seguridade, aínda que neste caso o enfermo atendeu a razóns e cesou na súa actitude violenta.

Este tipo de situacións reiteradas no tempo, lembrou a área sanitaria, propiciou a contratación de efectivos de Seguridade nalgún dos seus Puntos de Atención Continuada (PAC), en aras de garantir o normal funcionamento da actividade asistencial das urxencias extrahospitalarias. Ademais, todos os puntos de atención continuada da área contan con cámaras de videovixilancia para poder identificar os agresores.