Sanidade pública

Ribeira mobilízase para exixir a cobertura de vacantes en atención primaria

Protesta en defensa da Atención Primaria no consultorio de Palmeira (Ribeira, O Barbanza). (Foto: Nós Diario).
As reivindicacións da veciñanza do Barbanza súmanse ás protestas semanais que desde o pasado 10 de maio protagoniza o persoal sanitario da comarca.

Ducias de persoas concentráronse esta sexta feira nos centros de saúde de Rianxo, Boiro e Ribeira (O Barbanza), así como nos consultorios de Palmeira e Aguiño (Concello de Ribeira), para demandar mellorar no servizo de Atención Primaria. As reivindicacións da veciñanza do Barbanza súmanse ás protestas semanais que desde o pasado 10 de maio protagoniza o persoal sanitario da comarca.

As médicas de Ribeira foron quen tomaron a iniciativa. Cada sexta feira, desde entón, concéntranse diante do seu centro de saúde ás 12 do medio día esixir a dotación do persoal médico suficiente que evite demoras e garanta unha boa atención á poboación.

Protesta en defensa da Atención Primaria no consultorio de Aguiño (Ribeira, O Barbanza). (Foto: Nós Diario).

As súas accións contan co apoio do Concello de Ribeira máis co soporte da plataforma comarcal en defensa da sanidade pública, que coincidindo coa protesta do persoal sanitario decidiu unirse colocando mesas para a recollida de reclamacións individuais onde cada persoa fai constar as demoras coas que se atopa cando trata de acudir ao seu centro de saúde ou consultorio de referencia, así como as esperas ás que se ve obrigada en caso de ter que acudir por primeira vez a un especialista ou a unha revisión, "que neste caso, son listas que non existen para o sistema, xa que as listas para segundas consultas nin sequera se publicitan ", explica a Nós Diario Marián Rodríguez Blanco, voceira da plataforma.

Após dúas semanas de protestas en Ribeira, as mobilizacións estendéronse a Rianxo, Boiro e aos consultorios de Aguiño e Palmeira dependentes do centro de saúde de Ribeira. A situación neste ambulatorio, di Rodríguez Blanco, é que "de 10 médicos que teñen que estar de mañá cinco non están: dous non se contan porque se corresponden con dúas prazas sen cubrir que xa ficaron baleiras na OPE de difícil cobertura e outros dous en baixa laboral de longa duración, ademais dunha terceira que se sumou pouco antes de que se iniciasen as concentracións".

Protesta en defensa da Atención Primaria no centro de saúde de Ribeira (O Barbanza). (Foto: Nós Diario).

En Boiro faltan tres médicos de 12  e no centro de saúde de Rianxo faltan catro de oito. "Neste tempo o único ao que se deu resposta ou solución de cara ao verán, é que na quenda de tarde, en Ribeira, onde tamén falta un compañeiro, dúas persoas que traballan, unha en Lira e outra en Santiago, e que teñen aquí segunda vivenda aquí, van vir traballar aquí durante o verán. Xa comezaron no mes de xuño".

O Barbanza, aclara Marián Rodríguez Blanco, é unha zona de veraneo importante, con moita xente que nos meses de estío fai vida alí "e trae aquí as súas curas ou os seus controis de medicación", problemas crónicos que urxe atender. Para Rianxo e Boiro non se ofreceron solucións, non máis que repartir as cotas de pacientes entre as especialistas que seguen a traballar.