Medio Ambiente

O río ao que vertería a planta de biometano de Coeses non podería diluír a contaminación

Manifestación contra a instalación dunha planta de biometano en Coeses, Lugo, o pasado 20 de xuño na cidade amurallada. (Foto: Nós Diario)
O Parlamento insta a Xunta da Galiza a "cumprir estritamente" a tramitación da planta de biometano.

A Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) advertiu esta quinta feira nun informe sectorial solicitado pola Xunta da Galiza para avaliar o impacto ambiental da planta de biometano proxectada na parroquia de Coeses, en Lugo, que o leito do río ao que irían parar as verteduras resultantes do tratamento biolóxico dos residuos é de "moi escasa entidade como para conseguir unha autorización favorábel".

O organismo, que elaborou o estudo no marco dun proceso administrativo aberto pola Xunta pero que carece de poder de decisión con respecto á execución do proxecto, entende que a capacidade de dilución dos residuos líquidos vertidos ao regato de Vilalbite, que desemboca no Miño, sería moi limitada.

Desde a presentación deste proxecto, para o que se abriu un proceso de exposición pública cun prazo para presentar alegacións que venceu antonte, as voces veciñais contrarias á instalación da planta de biometano non pararon de multiplicarse.

"O que pretenden facer aquí é centralizar a recollida de refugallos da industria cárnica, láctea e conserveira nun mesmo punto. E todo o tratamento deste proceso de dixestión anaeróbica vai producir olores e provocar verteduras contaminantes", explican desde a Federación de Asociacións Veciñais de Lugo

"Estrito cumprimento"

A respecto deste proxecto, a Comisión parlamentaria de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos aprobou onte cos votos a favor de PP e PSdeG unha proposición non de lei na que insta a Xunta a velar polo "estrito cumprimento" na tramitación da planta de biometano. O BNG abstívose ao rexeitar o PP unha emenda da formación nacionalista que pedía o cambio da localización da factoría.