Un "río atmosférico" deixará na Galiza chuvias "intensas, persistentes e xeneralizadas"

Unha muller tenta evitar que o seu paraugas saia disparado, en Santiago. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
Esta cuarta feira volveranse rexistrar acumulacións de auga importantes.

A Galiza permanece á espera da entrada dun río atmosférico esta cuarta feira que deixará precipitacións intensas e xeneralizadas ao longo de toda a xornada, especialmente na metade atlántica e nas zonas de altas montaña do interior, que estarán en aviso amarelo.

A predición de Meteogalicia apunta un día de fortes chuvias similar ao vivido hai unha semana, no que a Galiza experimentou unha xornada moi húmida.

Aínda que desligado da tormenta 'Isaac' que atravesa o Atlántico, un río húmido de latitude moi baixa procedente do Caribe traerá chucia acompañada de temperaturas suaves, con mínimas de entre 16 e 18 graos e máximas de até 22 graos centígrados.

Aviso amarelo

As precipitacións manterán en aviso amarelo ás provincias da Coruña e Pontevedra e na montaña de Lugo e Ourense, onde se esperan acumulacións de auga de até 40 litros en 12 horas.

Agárdase unha mellora da estabilidade a medida que caia a noite do, que dará paso a unha quinta feira na que se espera a entrada dun anticiclón que deixará tempo seco de cara ao final da semana.

Os ceos anubrados desta terza feira na na Galiza debido ao paso dunha fronte, son resultado dos efectos de Isaac, segundo a AEMET, que nos últimos días seguiu a evolución deste ciclón tropical, en orixe, que deveu en borraca sobre o Atlántico e que finalmente, non tivo o impacto inicial estimado sobre a península.