Cinco ríos galegos presentan "pobres" condicións para o baño
Os ríos Furelos, no seu paso polo municipio de Melide, o Parga por Guitiriz, o Limia por Baltar, o Neira por Baralla e mais o Tambre por Brión presentan unha "pobre" calidade das súas augas para o baño. Así o indica o informe elaborado pola Axencia Ambiental Europea, que sitúa Galiza segundo territorio do Estado, por detrás de Estremadura, con máis puntos "vermellos" en cursos fluviais para o seu uso por bañistas. O documento tamén inclúe a praia da Virxe do Camiño, no municipio de Muros, como a única na Galiza nesa mesma clasificación no caso das augas de costa.
Este informe analiza un total de 21.000 áreas de baño en toda a Unión Europea como cumprimento da Directiva Europea das Augas de baño. O procedemento ten en conta os valores de dous parámetros microbiolóxicos: enterococos intestinais e Escherichia coli, ao seren as augas residuais, xunto coas de drenaxe de explotacións e terras agrícolas, as principais fontes de contaminación. No conxunto do Estado foron detectados 38 puntos cunha clasificación negativa.
Sen solución nos ríos
Nos casos nos que a calidade das augas sexa considerada "pobre", as autoridades competentes deberán tomar medidas para melloralas e, en tanto, prohibir o baño ao público e advertir á poboación. Do informe extráese que os puntos fluviais sinalados xa foran clasificados negativamente en anos anteriores.
No caso do río Limia, en 2011 e mais 2013 xa fora clasificado cunha "pobre" cualidade das augas, repetíndose esta cualificación en 2017 e 2018. Desde 2015, o Tambre recibiu o mesmo ditame, o río Neira desde 2012 e mais o Furelos desde 2015.
En 2019, veciñanza da comarca da Limia uniuse na plataforma Auga Limpa Xa, para denunciar o mal estado dos seus recursos hídricos por mor da actividade gandeira. En xaneiro de 2020, a Sociedade Galega de Historia Natural presentou ante a Dirección Xeral de Saúde Pública un estudo con mostras das augas da comarca que revelaron un incremento sostido da concentración media de nitratos entre 2017 e 2019.
As augas do río que lle dá nome, cuxa mala calidade para o baño advirte a Axencia Ambiental Europea, estiveron pechadas ás bañistas en múltiples ocasións pola concentración de cianobacterias en puntos coma o embalse das Conchas. Outro dos puntos sinalados pola axencia europea, o río Furelos de Melide, foi alertado pola asociación Troteiros de Melide en diversas ocasións.
Costas saneadas
Os datos recompilados pola Axencia Ambiental Europea tamén amosan a "excelente" calidade das augas de baño na costa, coa citada excepción da praia da Virxe do Camiño. En 2011 a institución europea cualificara de "pobre" a condición das súas augas, cualificación que repetiu entre 2014 e 2019.