Rompe a pasarela peonil do río Belelle, en Neda

A pasarela peonil do río Belelle, en Neda. (Foto: Europa Press)
Tras recibir varios avisos, a Administración local procedera esta segunda feira a cortar de inmediato o acceso á ponte peonil para previr danos persoais.

A pasarela peonil sobre o río Belelle, situada na zona de Subarreiros, en Neda (Ferrolterra), partiu na noite desta segunda á terza feira. Segundo o Concello de Neda, a estrutura de madeira permanecía fechada desde a mañá da segunda feira, despois de que se detectase o agravamento dos defectos que sufría a construción.

Tras recibir varios avisos, a Administración local procedeu a cortar de inmediato o acceso á ponte peonil para previr danos persoais. A construción, de 24 metros de longo por 2,5 metros de largo, foi inaugurada a finais do ano 2014, e os problemas cos materiais elixidos, madeira laminada e encolada de piñeiro, fixéronse evidentes en poucos anos.

A rotura da pasarela obriga agora as e os camiñantes e visitantes que queiran chegar desde o paseo marítimo até o centro urbano de Neda a desviarse cara á Igrexa de Santa María.

O Concello, segundo o alcalde, Ángel Alvariño (PSOE), iniciará en breve a redacción dun novo proxecto, que despois haberá que licitar, para volver conectar as dúas beiras do Belelle nas proximidades da piscina municipal. Adianta, con todo, que se mudará a estrutura, apostando por materiais máis duradeiros e seguros.