Rosa Cerqueiro: "A capacidade de loitar co estrés viuse superada pola situación"

A desmotivación da poboación sería unha das características dun fenómeno do que vén alertando a Organización Mundial da Saúde. (Foto: Nós Diario)
A cuarta vaga podería darse este mes debido á "fatiga pandémica"

A previsión da chegada da cuarta onda da Covid-19 disparou a preocupación das expertas e dos expertos. Unha das científicas máis reputadas do Estado español, Margarita del Val, atreveuse a sinalar unha data no calendario: finais deste mes de marzo. 

A doutora en Bioquímica e coordinadora da Plataforma Interdisciplinaria de Saúde Global posta en marcha polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) sinala que haberá outra vaga despois de que remate esta. Segundo o Instituto de Saúde Carlos III, en novembro determinouse que había un 10% de persoas que pasaron o virus da Covid, “en xullo era un 5% e agora debemos estar nun 15%, queda un 85%. Mentres haxa tantas persoas vulnerábeis e levantemos as medidas de restrición, que xa o estamos a facer, seguirá habendo vagas”, sinalaba a científica. 

A cuarta onda vén ligada á “fatiga pandémica”, definida pola Organización Mundial da Saúde (OMS) como a “desmotivación da poboación para cumprir cos comportamentos protectores e as medidas de seguridade recomendadas”. Esta reacción “natural e esperada tras longos meses baixo restricións”, apunta a OMS, supón unha “ameaza aos esforzos para controlar a propagación do virus”.

O psicólogo clínico no Sergas e vogal da Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Psicoloxía da Galiza (COPG), Víctor Torrado Oubiña, explica en conversa con Nós Diario que o problema de saúde mental vén derivado polo “estrés que supón a incerteza e o medo ao virus, sumado ás restricións que nos privan dos reforzadores que utilizamos para evadirnos psicoloxicamente”. 

“A capacidade de enfrontamento para vencer o estrés que a xente tiña antes sumado á situación actual fai que esa capacidade se vexa superada, o que derivará nun aumento de casos de ansiedade e depresión”, indica o psicólogo. 

Os efectos desta “fatiga pandémica puidéronse observar durante os primeiros días do alivio das máximas restricións impostas na Galiza, por exemplo, nas grandes cidades había colas para poder estar na terraza dun bar”, sinala o psicólogo Víctor Torrado Oubiña.

Pola súa banda, a voceira do Movemento Galego da Saúde Mental, Rosa Cerqueiro, afirma que este feito “non se debe esaxerar”, comenta en conversa con Nós Diario. “Algúns especialistas atrévense a ofrecer porcentaxes dos trastornos que poden ter lugar e están a dar unha sobredimensión do asunto”, apunta Cerqueiro. O trastorno mental e o malestar emocional “son dous conceptos que non se deberían entender como o mesmo”, xa que o primeiro implica un diagnóstico psiquiátrico e o segundo “é algo que podemos afrontar sen precisar axuda de especialistas”. 

Ambos os profesionais sosteñen que na loita contra a fatiga pandémica é moi importante o “autocoidado e concienciarnos de que o obxectivo a conseguir é algo colectivo”. “A gran maioría da xente está a cumprir coas restricións, os que non o fan son poucos”, apunta Cerqueiro. Métodos como o mindfulness ou a meditación, di, "poden axudar a coidarnos mellor psicoloxicamente", algo que tanta falla fai nestes tempos de pandemia