Rosa Cerqueiro: "En catro anos a Xunta non fixo nada por corrixir a perda de dereitos en saúde mental"

A mocidade e as persoas maiores son dous dos colectivos máis castigados polo malestar emocional derivado da pandemia. (Foto: Europa Press).
O Movemento Galego de Saúde Mental asegura que o plan aprobado en xuño de 2020 para o coidado da saúde mental na Galiza non logrou aliviar as carencias do sistema. As listas de espera son as máis elevadas desde 2014. A incorporación de profesionais segue a ser insuficiente. A inequidade no acceso á atención sanitaria e a perda de dereitos fundamentais fechan o resumo da entidade no ecuador do plan.

O Goberno da Xunta, entón presidida por Alberto Núñez Feixoo, deu a coñecer en xuño de 2020 "o maior plan de saúde mental desde a transferencia do Sergas". Un plan que viña atender unha demanda crecente de atención psicolóxica en plena crise sanitaria da Covid-19, co obxectivo de adecuar o investimento económico e os recursos previstos pola Administración ao sufrimento emocional da poboación galega derivado da pandemia.

O Plan de Saúde Mental da Galiza naceu sendo "insuficiente", apuntan desde o Movemento Galego de Saúde Mental, moi crítico co seu grao de implantación e os resultados alcanzados dous anos despois da súa posta en marcha. "Os recursos planeados polo Goberno da Xunta para a atención da saúde mental desde os servizos públicos en 2020 non chegaban nin á metade dos recursos estimados 25 anos antes, cando aínda estaba por vir a crise económica de 2008 e a crise sanitaria da Covid", explica en declaracións a Nós Diario Rosa Cerqueiro, voceira do movemento.

En 2020 a Xunta avanzou a contratación de 241 profesionais en catro anos, "cando se precisaban 560". En maio de 2022 contabilízanse 117 novas contratacións, medio cento menos das previstas en dous anos.

Dous anos para "corrixir o rumbo"

Cun orzamento asignado de 83 millóns de euros, o Plan de Saúde Mental da Galiza contou de inicio cun cronograma que hoxe acumula atraso e un cumprimento desigual. "Existen novos dispositivos en funcionamento, mais a creación e posta en marcha de unidades, programas e proxectos é desigual nas distintas áreas sanitarias", destaca Cerqueiro. Creáronse novas unidades de saúde mental de adultos e infanto-xuvenís, programas de psicoxeriatría e sociosanitarios, mais "a día de hoxe non existen programas de prevención do suicidio en todas as áreas, sendo como é unha prioridade urxente". 

A demanda crecente de saúde mental non sufriu un cambio cualitativo nos últimos anos. "Xa viñamos atendendo problemas de ansiedade e afectivos; condutas impulsivas e autolesións entre a mocidade; trastornos da conduta alimentaria, tamén nos varóns; un aumento da obsesión polo corpo e da presenza en redes sociais, con todo o que iso comporta". A diferenza, di Cerqueiro, está no incremento da desigualdade, do nivel de tensión social e da alteración emocional que iso ocasiona en cada sector da poboación. 

Os últimos datos de agarda publicados por Sanidade confirman os peores prognósticos do Movemento Galego de Saúde Mental. Revelan a cifra máis alta desde 2014. Entón esperaban por unha primeira cita unhas 4.000 persoas. "En 2019, a lista de pacientes en agarda -8.500- xa era moi alta. Neste momento hai máis de 10.000 persoas esperando por unha consulta de psiquiatría ou de psicoloxía clínica, o que confirma unha escaseza de recursos para atender a demanda de atención crecente".

Unha resposta eficaz require unha Atención primaria forte e a incorporación "de novos colectivos profesionais, entre eles os de psicoloxía clínica, tal como está previsto no plan". O que ocorre é que é "anecdótica", ao estimar a contratación de só sete profesionais, un por área sanitaria, cando na Galiza hai 462 centros de saúde. "E non en todas as áreas están cumprindo esa funcións".

Rosa Cerqueiro piden autocrítica "para corrixir o rumbo porque aínda estamos tempo". Quedan dous anos para acelerar a implantación de recursos e, sobre todo, para garantir equidade e dereitos.

Contención cero e vontades anticipadas

No ecuador do Plan de Saúde Mental da Galiza, o Movemento Galego de Saúde Mental denuncia inequidade no acceso á atención psicolóxica e desleixo na aplicación dun plan exiguo para atender unha demanda crecente. "A saúde mental está relacionada coas condicións de vida", di Cerqueiro. Se o coidado da saúde emocional se ve interrompido ou dificultado, aumenta o malestar, a cronificación dos problemas mentais e a recuperación penosa.

Reverter esta situación depende dunha execución eficaz e puntual do plan previsto, "sen memoria de seguimento", mais tamén pasa por "rachar coas prácticas coercitivas na atención á saúde mental". Cerqueiro apunta unha perda de dereitos que "nada ten que ver cos orzamentos." E urxe "máxima prioridade". "En catro anos a Xunta non fixo nada por corrixir as eivas e pór en marcha as recomendacións do Defensor del Pueblo" após o informe do Mecanismo para a Prevención da Tortura, que tamén pide respectar as vontades anticipadas.