Rosa Regueiro, profesora da USC: "As decisións enerxéticas non deberían estrangular os orzamentos da cidadanía"

A profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Rosa Regueiro (Foto: Nós Diario).
Un dos temas que máis preocupan á sociedade é o futuro da enerxía. Con esta idea, Rosa Regueiro reunirá na USC, entre o 4 e o 7 de setembro, especialistas que analizarán a situación enerxética en base á desmaterialización, o decrecemento e a súa transición.  

—En poucos días dirixirá un curso na USC que abordará a desmaterialización, o decrecemento e a transición enerxética. O progreso vai por  ese camiño?
Si. En principio o progreso e a prosperidade, para que a supervivencia das xeracións futuras estea garantida, ten como premisas chave, entre outras, ter en conta o esgotamento de determinados materiais que hai na terra, no noso planeta.

O ritmo de uso é moito máis intenso que o de reposición, ademais de que hai materiais que se acabarán cando se esgoten. É unha cuestión que, aínda que as persoas que a poñamos enriba da mesa sexamos un equipo de Economía Aplicada, en realidade é un tema multidisciplinar. Por exemplo, na cuestión da tarifa da luz pode mudar moito segundo sexa o 'mix' enerxético, a combinación das diferentes fontes de enerxía que cobren a subministración eléctrica, ou como sexa o sistema de fixación de prezos.

No primeiro caso, para que sexa máis “verde” precisamos máis aeroxeneradores eólicos e placas solares. Mais, temos os materiais para que se fagan? Son decisións de presente e de futuro que se teñen que tomar avaliando aspectos ben diferentes.

—Que parte de responsabilidade ten a sociedade?
Nos nosos fogares podemos aforrar enerxía mais teriamos que ter información e un gran orzamento. En todo caso, todo o que fagamos dependerá do marco normativo que haxa. Pasou, hai uns anos, co famoso “imposto ao sol” que non favorecía determinadas prácticas.

O poder político, ao marcar ese ámbito normativo afecta tamén ás nosas decisións. Un exemplo é que desde distintos foros e ámbitos académicos se exixe que muden o sistema de prezos da electricidade. A sociedade, por momentos, atopámonos como náufragos nun océano.

Ao final dá a sensación de que se nos exixen esforzos mais sempre nos atopamos cun teito de cristal que é ese marco normativo que semella que non reflicte a realidade.

Gobernar non é doado mais hai que ter en conta os avisos do ámbito académico que fala por ter evidencias do que pasa, por estar próximo ao social. A crise puxo en evidencia que todas as partes da cidadanía teñen que estar da man para que non remate en esgotamento.

Non pode ser que no sistema enerxético, que desde sempre tivo moito poder, a parte monopolística empresarial saía beneficiada. E as Pemes e pequenos consumidores domésticos sexan os que máis sufran!     

—Cal é a razón de que non se teñan en conta estes avisos da comunidade académica?
Pode ser a présa por actuar que remata en tomar decisións curtopracistas. Tamén que formamos parte da UE que toma decisións e envía recomendacións. Consumidoras e consumidoras somos todos. Hai que coñecer a realidade enerxética de cada país, algo que aquí non se fixo, e saber cales son as nosas necesidades e bondades enerxéticas.

As decisións últimas non deberían estrangular os orzamentos da maior parte da cidadanía e, sobre todo, non defender o propio futuro político como vimos coas famosas “portas xiratorias” de persoas que estaban en gobernos e logo remataron en empresas enerxéticas. Unha sociedade empobrecida é unha sociedade que non avanza e, ao final, pasa factura a quen goberna.

—Como ve o panorama galego?
A Galiza ten algunhas competencias propias e outras que dependen do Estado español. O que máis me preocupa no ámbito verde é se será renovábel en beneficio de todos. Refírome, sobre todo, ao avance eólico terrestre e mariño que temos agora, e que se repitan os erros do pasado que se concretaron en que o territorio non recibiu un beneficio.